A investidura de Pedro Sánchez saíu adiante con 167 votos a favor e 165 votos en contra. O deputado do BNG no congreso, Néstor Rego, votou afirmativamente “fronte a unha dereita cada vez máis ultra” e grazas a un “gran acordo sobre a axenda galega” co PSOE.
Sábado 11 de enero de 2020
Adriana Lastra e Ana Pontón durante a firma do acordo entre PSOE e BNG. Chema Moya / EFE
Dende antes dos resultados das eleccións o BNG dixo en repetidas ocasións que a representación no congreso estaría “ao servizo da clase traballadora e do pobo galego” e que non estaba claro se darían apoio a un executivo encabezado por Sánchez. En todo caso, o apoio pasaría por un acordo favorable aos intereses de Galicia. Xa durante os primeiros días de xaneiro canalizáronse máis as negociacións e o BNG manifestou publicamente que non votaría “non” na investidura para facilitar a formación dun goberno progresista.
Na segunda votación para a investidura de Pedro Sánchez o 7 de xaneiro, Néstor Rego realizou unha intervención xustificando o voto favorable do seu partido. Comezou citando a Castelao no 70 aniversario da súa morte no exilio para despois afirmar que “neste momento e neste contexto defender Galiza e a democracia lévanos a votar “Si” na investidura”. Os seus motivos, o “gran acordo” alcanzado entre o PSOE e o BNG que “permitirá avanzar e mellorar a calidade de vida de galegas e galegos”, e porque ante a “dereita cada vez máis ultra… non caben vacilacións”.
Un acordo pobre, outro voto de confianza no PSOE do Réxime
Do acordo entre o PSOE e o BNG, que pode lerse completo aquí unha das primeiras cousas que chama a atención é a súa ambigüidade. Son comúns fórmulas como “o goberno maniféstase a favor”, “analizar as fórmulas para”, “estudar posibles compensacións”, etc. Unha forma de redactar claramente medida polo PSOE, cuxos compromisos na maior parte postérganse a varios anos ou a toda a lexislatura, e que en todo caso líganse a mesas de negociacións complexas con empresas e distintas administracións públicas. Así, hai algúns puntos que nos gustaría destacar.
Con respecto ao traspaso de competencias, o primeiro punto do acordo comprométese a “programar, durante a primeira lexislatura, a activación da transferencia da totalidade das competencias pendentes recollidas no Estatuto de Autonomía de Galicia, así como competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento Galego”. Ana Pontón, nunha entrevista na Voz de Galicia o mesmo día da firma do acordo, destacaba a necesidade de desenvolver unha Policía Autonómica análoga á de Euskadi e Catalunya, para mellorar o “servizo de tráfico e a seguridade”.
Parece que para o BNG unha Policía “ galega” en mans do PP actualmente gobernando, ou dun futuro goberno do PSOE, daría menos paus aos manifestantes. Non temos máis que ver cal foi a actuación dos Mossos d’Esquadra dirixidos por Torra fronte ás enormes manifestacións en repudia da sentenza do procès hai tan só uns meses en Catalunya, para quitarnos da cabeza esta idea reaccionaria de que máis policía pode solucionar os nosos problemas.
Por outra banda, Ana Pontón tamén se centrou na necesidade de abaratar peaxes e transferir as competencias da autoestrada da atlántico AP-9 á Xunta de Galicia, decisión que se tomou no Parlamento de Galicia cos votos favorables do PPdG, o cal aparece no punto 4 do Acordo. Pero tal e como se di nese punto “o custo desta bonificación corre a cargo dos Orzamentos do Estado e aplicaríase a partir da aprobación dos PGE de 2020”. É dicir, que como expoñiamos nun artigo publicado en Izquierda Diario, o beneficio da rebaixa no custo das peaxes faríase a cargo de cartos público, e non das empresas concesionarias que recibiron miles de millóns de beneficios nas últimas décadas con concesións millonarias.
Respecto á fábrica ENCE, a cal o goberno de Rajoy prolongou a súa concesión por 60 anos máis, o acordo só expresa o seguinte: “O Goberno maniféstase a favor do traslado da planta de ENCE a outro enclave máis adecuado medioambientalmente en Galicia, a través dunha fórmula que permita manter o emprego”. É dicir, tal e coma xa manifestou a plataforma ecoloxista APDR (Asociación pola Defensa da Ría), trátase soamente dunha declaración formal de intencións que non obriga ao goberno para realizar ningún compromiso concreto. Así, o BNG renuncia a unha das súas principais demandas que aparecía no seu programa electoral, así como do conxunto do movemento social e ecoloxista en Galicia que leva décadas manifestándose contra a forma de produción desta fábrica contaminante e da situación dos montes galegos repletos dunha especie invasora como é o eucalipto, principal materia prima de ENCE.
No punto 6 trátase unha das propostas máis polémicas do BNG, o “Estatuto de Industria Electrointensiva”. Nel noméanse unha serie de medidas que se poden resumir, basicamente, en subvencións estatais para que estas empresas non paguen o prezo total da electricidade, sen prexuízo para as eléctricas, así como compensacións polas emisións de dióxido de carbono “para competir con industrias similares instaladas noutros lugares do mundo onde non se limitan as emisións de dióxido de carbono”. Para o BNG e o PSOE, realizar unha transición “ecolóxica xusta” significa subsidiar con cartos públicos a contaminación. E como contrapartida o Estado “esixiría” ás empresas “un esforzo en investimentos e melloras nos procesos produtivos que reduza o impacto ambiental e garanta manter e ampliar o emprego directo”. Un alarde total de “capitalismo verde” que quere esconder o aparente anhelo do BNG de favorecer e impulsar unha burguesía galega. Ademais, no punto 7, mesmo se fala de reforzar “a axenda industrial galega”, con distintos plans industriais, subvencións polas emisións de CO2 e prestarase “especial atención” á industria naval.
Máis adiante, o documento di que o goberno “estudará posibles compensacións tarifarias ás comunidades produtoras excedentarios de enerxía eléctrica, para abaratar a factura da luz, actuando sobre o custo de transporte, de forma que se compensen os custos sociais e ambientais producidos”. Trátase da “tarifa eléctrica galega”, medida estrela da campaña electoral do BNG consistente en abaratar os custos eléctricos para empresas e usuarios, pero que cae en saco roto xa que o PSOE non se compromete a nada, simplemente a “estudalo”.
A continuación, e para finalizar fálase de “derrogar a reforma laboral, da negociación colectiva”, derrogar a reforma das pensións, derrogar a LOMCE e o artigo 315.3 do Código penal e a Lei “Mordaza”
Este, que parece ser o punto máis progresivo do acordo, é en realidade unha hipócrita declaración de intencións, porque o acordo PSOE – Unidas Podemos xa deixou clarísimo que non se derrogarán as contrarreformas laborais do PP e o PSOE. Tan só modificaranse algúns dos seus artigos, permanecendo intactos os seus elementos fundamentais. Ao mesmo tempo, o acordo non di unha palabra sobre a “Lei mordaza dixital” aprobada polo anterior goberno en funcións, que permite pechar páxinas web sen orde xudicial previa, entre outras prácticas antidemocráticas.
En definitiva, este é un acordo infestado de declaracións de intencións, que ademais non van á raíz dos problemas da clase traballadora e as maiorías populares en Galicia. O BNG deu un salto na súa integración ao Réxime do 78 apoiando o goberno socio-liberal no Estado español, renunciando á mobilización social para erixirse en defensor da “industria galega”, defendendo baixadas de impostos e subvencións para grandes empresas que demostraron ter poucos escrúpulos á hora de despedir traballadores ou rebaixar as súas condicións laborais.
Necesitamos construír unha esquerda revolucionaria independente e combativa en Galiza
A nosa concepción da política é oposta á do BNG. Non se trata de negociar co Estado central migallas para empresas galegas, que dean á súa vez migallas á clase traballadora. Trátase de impulsar a loita e a mobilización social para que a crise social e ambiental a paguen os grandes grupos capitalistas. Loitamos pola nacionalización baixo xestión dos traballadores e usuarios de sectores estratéxicos como a banca, o transporte ou a enerxía, para mellorar o servizo, abaratar o custo e obter mellores condicións laborais. Ademais, unha medida así permitiría realizar de forma eficaz unha transición ecolóxica xusta reducindo as emisións contaminantes e os residuos xerados na produción.
Ao mesmo tempo loitamos polo dereito de autodeterminación dos pobos, e contra a represión en Catalunya, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE. Neste terreo, o BNG renunciou a unha demanda histórica da esquerda nacionalista para “impulsar, a través do diálogo entre partidos e institucións, as reformas necesarias para adecuar a estrutura de Estado ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza”.
En Galiza falta unha esquerda independente e combativa que cuestione o Réxime do 78 no seu conxunto. A CUP en Catalunya, a pesar das nosas diferenzas estratéxicas, mantivo unha posición correcta votando “Non” á investidura de Sánchez. O oposto á posición que mantivo o BNG.
É necesario un debate profundo dentro da esquerda galega sobre que tipo de proxecto político necesitamos para impulsar a organización obreira e social que é precisa para vencer. Para derrotar todas as contrarreformas reaccionarias dos anteriores gobernos do PP e do PSOE, e para enfrontar a este novo goberno, que fose de falsas promesas e bos xestos, prepárase para realizar un axuste no futuro, en canto a situación económica o requira. Non estamos ante un goberno progresista, estamos ante un goberno de contención da loita de clases que pretende apontoar un réxime que está en crise. Non nos resignamos a darlle un voto de confianza ao PSOE capitalista durante outra lexislatura. Pensamos que os dereitos só os poderemos conquistar nas rúas mediante a mobilización social.
Os que militamos na CRT loitamos por unha esquerda en Galiza e no resto do Estado español que sexa capaz de construír un novo Réxime, unha verdadeira democracia da clase traballadora e os sectores populares, contra esta democracia para ricos que nos segue condenando á miseria do capitalismo.
Non podemos deixar que as árbores non nos deixen ver o bosque. Nun escenario internacional onde hai un rexurdimento da loita de clases, cunha folga xeral en Francia nos transportes que vai camiño dos 40 días, 80 días de rebelión popular en Chile e fenómenos similares en Ecuador, Líbano ou o outono catalán de hai uns meses, está claro que está a haber un cambio de tendencia. Aínda que no Estado español haxa unha relativa estabilidade económica e unha calma na loita social, isto pode cambiar máis pronto que tarde. Prepararnos para eses escenarios, construíndo unha forte esquerda revolucionaria, obreira e anticapitalista capaz de levar ao triunfo ao pobo traballador en loita, é a principal tarefa estratéxica do momento. Ese é o noso desafío.