×
×
Red Internacional
lid bot

Galiza 18-F: O PP mantén a súa maioría absoluta, o BNG medra á conta do PSdG e o “vello” neorreformismo afunde

Aínda que perdendo dous escanos, o PP mantén o goberno da Xunta de Galicia cunha porcentaxe de voto similar. O BNG medra con forza á conta dun PSdG debilitado, e Sumar e Podemos non obteñen representación. Democracia Ourensana obtén un escano, mais non será chave na formación de goberno.

Martes 20 de febrero

EN CASTELLANO

Os datos de participación do 18-F foron máis altos que en 2020. A participación da poboación residente en Galicia, cun censo electoral de 2.218.248 persoas foi do 67,3 %, fronte ao 53,9 % das pasadas eleccións, un 8,4 % máis. Hai que ter en conta que 476.544 galegos e galegas residen no exterior, dos cales só votou un 6,15 %, unhas 29.300 persoas. Así o dato de participación contando todas as persoas con dereito a voto foi dun 56,52 %, e 7,55% maior que en 2020. É un dato significativo.

A opinión xeral demoscópica sostén que a maior participación maior mobilización do electorado da esquerda. Pero o que vimos nesta elección é unha mobilización electoral case igual de intensa na esquerda e na dereita. Os votos en branco e nulos foron un 2 % do total, similar a hai 4 anos.

En termos xerais, a xornada electoral desenvolveuse con relativa normalidade, salvo algúns incidentes, como a presunta agresión dunha apoderada do PP a un apoderado de Sumar en Vigo. Por outra banda, filtráronse imaxes de carrexo de votos, onde monxas e outro persoal sacaban a anciáns en cadeiras de rodas para ir votar dende as residencias de terceira idade en Vigo e Lugo. Este tipo de escenas son habituais en cada elección en Galicia lamentablemente. E repítense en todas as eleccións desde 1982.


Un triunfo do PP maior do esperado


O PP conseguiu 40 escanos e un 47,4 % dos votos, tan só un 0,6 % menos que na anterior elección, obtendo uns 700.000 votos, 75.000 máis que en 2020. A xestión da vertedura de pellets foi pésima, o seu candidato era moito peor que Feijóo, non asistiu ao debate de RTVE, non expuxo ningunha resposta aos problemas máis profundos que sofre a maioría social en Galiza, etc. A isto súmase o escándalo das filtracións das negociacións de Feijóo con Junts, cando toda a súa política centrouse posteriormente na oposición á amnistía, o discurso de "todo é ETA" e a comparación ao BNG con Bildu, ou as vergoñosas declaracións de Ayuso sobre a "Baía de Vigo" e a "inmensa sorte de pasear por montes de eucaliptos". Pero, a pesar diso, o PP mantívose e revalidou a presidencia da Xunta unha vez máis despois de 15 anos no poder.

Como se pode explicar isto? Quizais houbo outros factores que se tiveron pouco en conta. En primeiro lugar, a manipulación mediática da TVG, absolutamente controlada polo PP e usada como medio de propaganda, así como a participación extensa de Feijóo na campaña, que fixeron ver ao electorado popular que, aínda que estivesen a votar ao substituto, estaban a votar o mesmo. Tampouco hai que desmerecer que uns poucos días das eleccións antes a Xunta comunicou aos mariscadores galegos axudas de 550 euros a cada un, máis de 4 millóns de euros en total. Ademais, comunicou subidas salariais a todo o persoal sanitario do SERGAS, que xa se negociou con anterioridade.

É certo que, se o PP centrase a campaña en Galicia, non tiña forma de competir coa maior coherencia argumental e as críticas á xestión que fixo o BNG. Así que optaron por unha campaña de distracción, e facendo uso do medo e do clientelismo para operar nos sectores máis conservadores, co que conseguiron revalidar a súa maioría. Aínda así, o partido estivo un pouco máis rifado do que expresan os números en escanos. Un 1% menos en votos e a súa maioría de voto sería moi axustada. Un 2 % menos e quizais perderían o goberno ou dependerían de Democracia Ourensana.

O que está claro é que gran parte do electorado de maior idade, e especialmente do medio rural, segue conservando un voto fiel ao PP e é máis susceptible á manipulación mediática e ás redes clientelares que levan décadas desenvolvéndose en Galicia. A estrutura da poboación en Galicia é moi envellecida e parece claro que non votan igual os pensionistas no rural, que os traballadores nas principais cidades de Galiza.


O BNG reforzado, o "vello" neorreformismo en fase terminal


O BNG superou todos os seus teitos históricos. Un 31,6 % de voto e 25 escanos. 467.000 votos. Foron primeira forza en Vigo cun 37 % de voto, por riba do PSOE, partido gobernante e tradicionalmente con máis forza na cidade. Así como en todas as principais vilas (poboacións de entre 15.000 a 30.000 habitantes) da Ría de Vigo, con maior peso obreiro e de tradición de esquerda: Redondela, Soutomaior, Cangas e Moaña. Nalgúns casos con porcentaxe de voto superiores ao 45 %.

Ademais de conservar a súa praza histórica en Allariz e arredores, en Ourense, foron primeira forza en e Mugardos, concellos moi próximos a Ferrol e Narón (onde foron segunda forza con moi bos resultados) e maioría obreira. Sectores moi castigados pola perda de postos de traballo coa desindustrialización, e que historicamente presentaron moita combatividade na loita de clases.

Como expoñiamos nun artigo antes das eleccións, o crecemento do BNG explícase por unha combinación entre unha campaña electoral atractiva, na que mantivo algunhas das súas medidas históricas de esquerda dirixidas á súa base social orgánica na clase obreira a través da CIG, cun xiro á moderación para captar parte do electorado máis de centro e seducindo á patronal e a un cogoberno posíbel co PSOE.

Pero tamén pola debilidade dos seus competidores na esquerda, Sumar e Podemos, que tiveron resultados ridículos. O primeiro con menos do 2 % de voto (por detrás de Vox) e o segundo cun 0,3 % (por detrás de PACMA). Aínda que non pode facerse unha translación mecánica entre os resultados das eleccións galegas e o escenario estatal, o feito de que o xa "vello" neorreformismo deuse unha labazada impresionante en Galiza mostra á súa vez os límites dunha esquerda integrada ao réxime que lonxe de rematar coa "casta política" acabou creando unha nova casta de esquerda subalterna ao PSOE que convence cada vez menos.

Pola súa banda, a crise do PSOE explícase por un candidato ata certo punto pouco coñecido, unha case nula inserción territorial -se a comparamos co BNG-, unha falta de propostas "en clave galega" e unha defensa do goberno central que non obtivo maior simpatía. A súa maior aspiración era ser terceiros e ser a pata curta dun goberno de coalición. O que conseguiron é perder 5 escanos, ficar en 9 e un 14 % do voto.


Democracia Ourensana consegue un escano


Unha mención merece Democracia Ourensá por conseguir entrar no Parlamento. Primeiro, como nos podemos decatar, o nome está mal escrito en galego, “ourensana”, en vez de “ourensá”. Moito localismo mais o seu uso e coñecemento do noso idioma brilla pola súa ausencia. Acadou un escano que lle saíu barato: só 15.000 votos e un 1 % en toda Galicia, aproveitándose do sistema electoral que sobrerrepresenta as provincias do interior, Lugo e Ourense. Así, puido conseguilo grazas a que superou o mínimo de votos requirido, un 5%, nunha circunscrición, obtendo ao redor do 7% no total. Sumar ou Vox, por exemplo, non puideron concentrar os seus votos en ningunha provincia, e quedaron sen representación tendo máis do dobre de votos.

O candidato de DO era Armando Ojea, pero este foi opacado pola figura de Gonzalo Pérez Jácome, actual alcalde de Ourense. Un personaxe amplamente coñecido pola súa excentricidade, o seu autoritarismo nos plenos de Ourense e certa tendencia á megalomanía, mesturada cun discurso populista de dereita. Nunha ocasión entrou nun escenario no Entroido de Ourense disfrazado de tolo nunha camisa de forza, con dous policías municipais. Un fenómeno político case surrealista, pero que representa realmente á parte máis corrupta do antigo PP local. Filtráronse gravacións súas onde falaba claramente de roubar diñeiro público, e ten relacións co PP de Baltar, o antigo cacique local, o cal lle permite seguir sendo alcalde aínda tendo minoría. O seu programa centrouse no agravio comparativo a Ourense, e a falta de investimento da Xunta de Galicia na rexión. Un populismo localista, que convenceu a unha parte pequena do electorado, pero claramente tenta tapar clientelismo e corruptelas.


Perspectivas para a esquerda anticapitalista


Con estes resultados, nos que os eixos "dereita e esquerda" case non se moveron globalmente, é claro que o PP ten aínda moitos mecanismos para manterse no poder. Con todo, o crecemento do BNG expresa un fenómeno contraditorio, no que un sector máis conservador historicamente votante do PSdG decantouse polo apoio a Ana Pontón como un "voto útil" para rematar co goberno do PP, mentres que noutros sectores da poboación galega -sobre todo entre a mocidade e amplos sectores da clase traballadora industrial e de servizos- pode expresar un certo "xiro a esquerda" coa esperanza de que un goberno do BNG poida ser o vehículo para conquistar as súas demandas postergadas.

Dende o noso punto de vista, para enfrontar os ataques da dereita, e para reverter os recortes en educación, en sanidade, e a precariedade laboral e as malas condicións de vida, a principal vía debe ser a loita de clases e a mobilización social. O BNG ten na nosa opinión serios límites para levar a cabo esta política. Por iso loitamos pola construción dunha esquerda de clase, anticapitalista, ecoloxista e feminista con perspectiva socialista, que centre a súa acción política na loita de clases, en ruptura a patronal e os partidos do Réxime español.