O 6 De Decembro ás 11:30 na Praza da Constitución realizouse un acto de homenaxe ás 16 persoas sen fogar que morreron prematuramente en Vigo nos últimos 4 meses, como consecuencia de ser pobres e estar en situacións de exclusión social.
Miércoles 6 de diciembre de 2023
Yusuf, Rocío, Jose Luis, Vitali, Johny, Adam, Juan, Faustino, Rosana, Ezequiel, Aldara, Sara, Rogelio, Rabík, José Ignacio e Judith. Estes son os nomes. Tres mulleres, tres menores e 10 homes.. Todos sen unha vivenda digna onde vivir nunha cidade famosa no mundo enteiro polas súas brillantes e millonarias luces de Nadal. Ningún deles superaba os 50 anos.
O acto, organizado por “Os Ninguéns”, ao que asistiron medio centenar de persoas, organizouse do seguinte xeito. Nunha pancarta central podíase ler “Polo dereito a unha vivenda digna” e colocáronse 13 mantas térmicas como símbolo das persoas falecidas. Unha nai e os seus tres fillos compartían unha delas. O acto comezou ás 11:30 e despois da lectura do manifesto, realizouse un minuto de silencio e houbo música.
“Os Ninguéns”, unha organización que loita polos dereitos das persoas sen fogar, reclama que as administracións públicas merquen vivenda pública e póñana ao dispor destas persoas. A Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), de 470 euros, é completamente insuficiente para facer fronte aos gastos de alugueiro, facturas e manutención.
Rosana e os seus tres fillos menores Aldara, Sara e Ezequiel morreron calcinados nun edificio abandonado na rúa Alfonso X o Sabio, onde residían numerosas persoas o 11 de Outubro deste ano. Aínda que non está claro se o lume provocouse ou foi accidental, o que está claro é que as instalacións eléctricas e o estado xeral do inmoble eran moi deficientes. As lapas comenzaron na zona do cadro de luces do portal.
Varias das persoas falecidas eran mulleres en situación de prostitución, como é o caso de Judith que ademais presentaba indicios de ser asasinada na autopsia. Unha tráxica demostración da situación de aínda maior vulnerabilidade á que están sometidas as mulleres sen fogar, que sofren brutalmente a violencia machista.
Dende Izquierda Diario difundimos e apoiamos esta causa. Consideramos ademais que non ten ningún sentido realizar obras públicas faraónicas de escasa utilidade, ou 2,3 millóns de euros para luces de Nadal cando hai xente sen fogar ou en infravivendas, arriscando a súa vida para tentar sobrevivir. Pensamos que se deben expropiar sen indemnización todas as vivendas baleiras en mans de bancos e grandes propietarios e poñelas ao dispor destas persoas.
Ademais, consideramos que a mellora das condicións materiais é a raíz da solución a estes problemas. É necesario un subsidio de desemprego igual a un salario mínimo de 1800 euros e a repartición das horas de traballo, con redución da xornada laboral sen redución do salario.
Cremos que é necesario loitar contra este sistema que está disposto a tirar a seres humanos ao lixo, abandonalos á morte, a miseria e a tristeza. Cada unha das mortes evitables das nosas irmás de clase traballadora prodúcenos unha pena e unha rabia que non se poden medir. Convertamos esta rabia en organización. Soñamos con ver un mundo onde lembremos estas mortes como a barbarie dun sistema que xa sexa historia.