×
×
Red Internacional
lid bot

Galiza. O PP galego aproba unha proposición de Lei para facer obrigatoria a vacinación

A proposición de lei aprobouse este martes 23 de Febreiro, dando un marco legal que permite a obrigatoriedade das vacinas e sancións que poderán ir dende os 1000 aos 60000 euros. A oposición votou en contra por considerala un ataque ás liberdades fundamentais. A lei, por outra banda non reforza os servizos públicos nin a mellora das condicións laborais dos sanitarios.

Martes 23 de febrero de 2021

A proposición de lei da Xunta expón que a “negativa inxustificada a someterse a medidas preventivas, consistente na vacinación ou inmunización prescrita polas autoridades sanitarias, de acordo co establecido nesta lei” será considerada unha “infracción leve", con multas de entre 1.000 e 3.000 euros. Con todo, ábrese unha posibilidade de que haxa infraccións “graves”, “cando poidan supoñer un risco ou un dano grave para a saúde do poboación”. Neste caso as sancións poderían ir de entre 3.001 a 60.000 euros.

En ningún momento especifícase cando se realizaría a maior sanción, o que permite certa arbitrariedade á hora da súa aplicación. No texto lese claramente, por exemplo, que se un sanitario se nega a facer corentena pode enfrontar unha sanción moi alta, pero non fica claro en canto á negativa á vacinación.

A emenda saíu adiante con 41 votos do Partido Popular, con maioría absoluta no Parlamento galego, e 32 votos en contra, do PSG e do BNG. Por outra banda, o Ministerio de Sanidade e o goberno central xa manifestaron en varias ocasións que a vacinación non debería de ser obrigatoria. Pero a maioría absoluta de Feijóo permitiulle aprobar esta polémica modificación, medida que entrará en vigor nas próximas 24 horas, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia.

A lei tamén recolle un novo marco de medidas para facer fronte ao coronavirus, entre os que destacan múltiples sancións por non levar máscara, facer botellón ou, como xa advertía o texto, establecer como obrigatoria a vacina contra a enfermidade.

Esta modificación da “ Lei de Saúde” dáse nun contexto de profunda crise social e de crecente polarización social e política en Galicia. O sábado 20 de Febreiro produciuse en Santiago de Compostela unha manifestación negacionista, convocada entre outras organizacións por “Policías por la libertad”, unha organización de marcado carácter ultradereitista e cun discurso populista de dereita, manipulativo e conspiranoico. Ao mesmo tempo convocouse unha concentración antifascista en repudio desta acción da extrema dereita, que foi impedida polas forzas de seguridade, onde foron identificadas numerosas persoas. Unha vez máis demóstrase a “liberdade de expresión” no Estado español.

Dende estas páxinas opoñémonos a esta nova Lei, non porque neguemos a enorme necesidade da vacinación masiva da poboación para rematar xa coa pandemia. Se non porque consideramos que é un exercicio de demagoxia do goberno galego, que dá unha imaxe de loita “dura” contra o virus, para distanciarse de Ayuso en Madrid onde se sacrificaron vidas para defender a “economía”.

Neste senso segundo a última sondaxe do CIS, realizado entre o 3 e o 11 de Febreiro con case 4.000 entrevistas, o 82,9% dos cidadáns no Estado español están dispostos a recibir a vacina, de xeito voluntario. Non existen sondaxes específicas para Galiza, pero non teriamos por que pensar que a opinión dos galegos fose substancialmente distinta ao do resto do Estado español. Segundo os expertos sanitarios a “inmunidade de rabaño” acádase con porcentaxes superiores ao 70 %, na cal a pandemia se convertería nunha epidemia estacional, como é actualmente a gripe. Por tanto, non hai razóns científicas para facer a vacinación obrigatoria. Ademais da imaxe política, quizais o único motivo da actual administración para levar a cabo esta medida é puramente recadatoria.

Por outra banda, consideramos que esta medida encádrase dentro dunha campaña xeral do goberno galego, e tamén do goberno central de apelar á “responsabilidade individual” e defender de xeito máis ou menos velado unha “culpabilidade individual”. É dicir, a culpa dos milleiros de mortos e as consecuencias indirectas da pandemia non sería froito da sobreexplotación natural e o contacto con patóxenos salvaxes ao que nos expón o sistema capitalista, ou á enorme globalización do mundo actual, nin dos principais gobernos europeos e as administracións rexionais polos profundos recortes nos sistemas sanitarios, que foron contestados coa mobilización, durante máis dunha década.

Sería unicamente dos “individuos irresponsábeis” que non obedecen todas as medidas restritivas dos dereitos individuais, mesmo cando estas son confusas ou non están avaladas por un consenso do persoal técnico, sanitario e científico, se non por “grupos de expertos” elixidos directamente polas cúpulas políticas. Pretenden convencernos de que a culpa é nosa, en especial da mocidade, un dos sectores que máis están a sufrir esta crise, con problemas psicolóxicos, grandísimas taxas de paro e precariedade e sen perspectivas de futuro. Pero non imos caer nesta falacia dos que non queren asumir as súas responsabilidades.

Porque sabemos que o verdadeiro problema non é a obrigatoriedade das vacinas, se non que o ritmo de vacinación está a facerse a contagotas, porque as grandes empresas multinacionais asinaron contratos abusivos cos estados que defenden cos seus intereses, cobraron por adiantado doses que tardarán meses en chegar, compiten entre elas para obter mercados e gardan baixo chave as patentes das vacinas (cuxa investigación foi financiada principalmente con fondos públicos) co único obxectivo de lucrarse coa desgraza humana no mundo.

Temos que recoñecer que o goberno galego conseguiu reducir de xeito considerábel esta terceira onda (con case todos os indicadores baixando cada día), pero só a través dun semi-confinamento e medidas punitivas e restritivas que paralizaron gran parte da economía e que están a levar á miseria a decenas de milleiros de persoas, e con cifras de mortalidade aínda bastantes altas. Por iso consideramos que unha verdadeira saída a esta enorme crise sanitaria e económica pasa por unha batería de medidas completamente distinta ás aplicadas tanto polo “goberno progresista” central como o PP galego.

A nivel sanitario: é preciso reforzar o sistema de saúde (fortemente recortado durante a crise en Galiza) con máis persoal, máis medios, e facendo fixo a todo o persoal, hai que expropiar toda a sanidade privada así como as empresas farmacéuticas e de insumos para poñelas a pleno funcionamento en favor da sociedade, defendemos tamén a anulación das patentes e a fabricación masiva de vacinas por parte do Estado. O Estado español ten capacidade para facer isto, xa houbo precedentes na historia, como cando a India negouse a pagar os prezos abusivos dos medicamentos para a SIDA e realizou xenéricos (un pouco menos efectivos), usando as mesmas fórmulas que as compañías farmacéuticas.

A nivel económico: expomos a prohibición dos despedimentos baixo ameaza de expropiación a empresas que despidan, a nacionalización de sectores estratéxicos como a banca ou as eléctricas para financiar uns servizos públicos reforzados e de calidade, así como créditos baratos ás pequenas empresas e autónomos en quebra. Unha medida que consideramos prioritaria para evitar que sectores das clases medias radicalícense cara á extrema dereita populista, como está a ocorrer en grandes partes do Estado español. En Galiza estes sectores teñen moi pouco peso pero están a comezar a crecer de forma moderada perante a inacción do goberno galego e central cara aos problemas principais da clase traballadora e as clases populares.

Para impor este programa é precisa unha gran mobilización das forzas sociais. Non bastan con discursos contra os recortes no Parlamento de Galicia por parte da oposición do BNG e o PSOE. É precisa a implicación dos principais sindicatos, principalmente a CIG (o sindicato maioritario no país) e as organizacións de esquerda para facer unha fronte única e loitar polas medidas que realmente precisamos para saír desta crise.

Neste senso, podémonos preguntar, para cando unha greve xeral?, é que non hai motivos dabondo coa situación actual de pobreza e o retroceso nos dereitos individuais e sociais? A CIG “estivo a punto” de realizar unha hai dous anos, que despois desconvocou como “voto de confianza” ao goberno do PSOE. Xa vimos como actúa o PSOE e Unidas Podemos e coñecemos dabondo o “modus operandi” de Feijóo. Agardamos que organizacións sindicais como a CIG e a esquerda sindical en Galiza reaccionen á altura das circunstancias.