×
×
Red Internacional
lid bot

Declaración. Poñamos en pé unha mocidade anticapitalista e revolucionaria

A 50 anos do maio francés, queremos retomar as mellores tradicións de loita e autoorganización do movemento estudantil e de mulleres para loitar xunto á clase traballadora para poñer en xaque a este sistema.

Jueves 15 de febrero de 2018

A crise mundial do capitalismo mostrou a cara máis fea deste sistema. Os gobernos de todo o mundo demostraron para quen traballan realmente, realizando medidas a favor da banca e as grandes empresas á conta do espolio e empobrecemento da clase traballadora e o pobo e, entre eles e especialmente, as mulleres, os migrantes e a mocidade.

Nós, os e as novas, atopámonos atrapados nun sistema que pretende saír da súa propia crise impóndonos unha precariedade sen límites, desemprego masivo, imposibilidade de acceder a unha vivenda propia e independizarnos, a expulsión de decenas de miles dos estudos superiores…

En Europa e o resto do mundo crecen as tendencias xenófobas, homófobas, patriarcais e liberticidas; alentadas co obxectivo de dividirnos e distraernos dos nosos verdadeiros inimigos. A extrema dereita móstrase forte, envalentonada pola vitoria de caricaturas como Donald Trump e a compra das súas políticas racistas por parte dos gobernos da UE que antes nos enganaban -e aínda se atreven a facelo- coa “Europa das liberdades” (de mercado) baixo o paraugas do neoliberalismo.

Son os refugallos de dez anos de crises dun sistema que someteu a maior parte da nosa vida consciente ao temor e a incerteza, onde se dá por asumido que imos vivir peor que os nosos pais e o interrogante agora é se o faremos peor que os nosos avós. É que non quedou claro dabondo que o capitalismo non ten nada que ofrecernos ás e os mozos de todo o mundo?

O Estado español é unha perfecta mostra de todo isto. O seu Réxime monárquico e podrecido fai gala da súa herdanza franquista. Saca as súas bandeiras aos balcóns para tapar o seu autoritarismo e represión. Represión contra a mocidade, os inmigrantes, contra o pobo catalán, contra xornalistas, artistas, tuiteiros... A Coroa, os xuíces e o tándem PP-PSOE- Cs puxéronse á cabeza desta ofensiva reaccionaria para salvar o seu Réxime e a súa Constitución ao servizo do IBEX35.

E a esquerda do cambio? A esquerda do cambio non cambia nada. Por omisión deixaron pasar este xiro conservador. A súa única estratexia é pactar con Pedro Sánchez, a pesar de que berramos con

forza que “PSOE e PP a mesma merda é”. Alí onde gobernan Podemos, EU, Anova e as súas confluencias en nada cambiou a nosa situación: a precariedade, as dificultades para estudar, para traballar, para poder vivir sós ou para poder saír sen ser sometidos á persecución policial nos nosos propios barrios e zonas de lecer seguen estando á orde do día. Estes neorreformismos estenderon a idea de que o capitalismo podía reformarse cando é un sistema que nos mostra cada día que só merece ser destruído e substituído por outro sistema ao servizo da maioría e non dun fato de ricos.

O noso dereito a un ensino público e de calidade foi un dos principais obxectivos desta ofensiva contra nós. Mediante contrarreformas como o Plan Bolonia, o 3+2 ou a LOMCE pretenderon privatizar o ensino e poñelo a punto para cubrir as necesidades do mercado. Abriron as portas das universidades para o seu saqueo por parte dos grandes empresarios, que son parte do seu goberno e deciden sobre o que estudamos, o que nos custa, o que se investiga... sempre co beneplácito dunha casta universitaria ancorada nas súas cadeiras grazas a un antidemocrático réxime académico e vinculada a eles por un e mil lazos económicos e clientelares.

Mais non permanecemos inactivos ante o destino ao que nos queren someter. Saímos a loitar co 15 M, contra a privatización da educación, defendendo dereitos democráticos fundamentais contra o Réxime do 78 -como a mocidade catalá que estivo á fronte de moitas das accións dos últimos meses en defensa do dereito a decidir-, ou no combate contra as opresións e o patriarcado, sendo as mulleres novas as principais protagonistas do movemento feminista, a folga de mulleres e polo NinUnhaMenos.

Porén, non foi dabondo para contrarrestar e reverter o groso destes ataques que prometen seguir a afondar nos próximos anos. A desmobilización promovida dende as burocracias sindicais de CCOO e UXT e os fenómenos políticos reformistas e electorais, xunto á situación dun movemento estudantil que padece as consecuencias das derrotas e a aplicación do plan Bolonia e a suba de taxas, son parte das causas.

As organizacións tradicionais do movemento estudantil, como o Sindicato de Estudantes en distintas partes do Estado, o SEPC en Catalunya ou Erguer en Galiza, entre outros, fracasaron -ou nin se queira reflexionaron seriamente- na tarefa de erixir un movemento estudantil que actuase como foco de transformación mediante a mobilización, buscando confluír co resto dos sectores explotados e oprimidos, para reverter a dinámica de pasivización e conformismo. Outras organizacións que pretenden disputar a hexemonía destas organizacións, como a Fronte de Estudantes ou a Federación de Estudantes Libertarios, non o acadaron, e realmente móstranse como alternativa só no nome, replicando os mesmos métodos e obxectivos a pequena escala.

En contra disto, dende as agrupacións que asinamos este manifesto, impulsadas por militantes da CRT xunto a estudantes independentes, vimos pelexando por promover a autoorganización estudantil, en asembleas e coordinadoras democráticas e de base, con liberdade de tendencias e opinións, que ligue o seu destino ás demandas propias da clase traballadora e o pobo, defendendo un programa que se propoña rematar cunha universidade e cu ensino público cada vez máis elitizado e ao servizo das empresas, como parte da loita contra esta democracia para ricos e un sistema que non ten nada que ofrecernos.

Armas da Crítica en Madrid, o Sindicato de Estudantes de Esquerda de Zaragoza, Non Passaran de Barcelona e, como parte dunha agrupación internacional de mulleres, Pan e Rosas en todo o Estado; veñen de desenvolver a bandeira da unidade obreiro-estudantil levando ás facultades loitas como as de Panrico ou Movistar, a defensa dunha educación ao servizo do pobo traballador, a crítica contra a casta universitaria e académica - que tivo a súa última expresión na vitoria nas eleccións ao

Claustro da UAM da candidatura “Revoluciona tu Universidad”- unha gran campaña contra as violencias machistas xunto a sectores de traballadoras como As Kellys ou a loita pola defensa do marxismo no terreo das ideas impulsando a Cátedra Libre Karl Marx, o impulso da folga de mulleres o 8 M, entre outras iniciativas. Estes son algúns exemplos da experiencia que vimos acumulando nos últimos anos e sobre a cal expomos un programa que se pode sintetizar nos seguintes puntos:

– Defensa dunha ensino público, totalmente laico e de balde en todos os seus niveis, con bolsas e axudas para as rendas baixas. Polo regreso inmediato dos e das estudantes expulsados por non poder pagar os estudos. Financiada dabondo mediante impostos ás grandes fortunas e empresas. Universidade radicalmente democrática e baixo control de estudantes, profesores e traballadores con maioría estudantil, sen empresarios privados nin privilexios para a casta universitaria.

– Poñer fin á precariedade laboral, o desemprego, os salarios de miseria e por unhas pensións e servizos públicos de balde e de calidade. Pola solidariedade e ser parte de todas as loitas das e os traballadores e sectores populares que se mobilizan contra os desafiuzamentos, a pobreza e o resto de demandas populares.

– A loita contra o heteropatriarcado e a opresión sexual e de xénero. Defendemos a creación de comisións de mulleres e LGTBI en todos os centros de estudo e de traballo para acabar coa violencia machista. Por unha plena educación sexual.

– Por unha mocidade antiimperialista, antirracista e internacionalista, que loite contra a opresión exercida polo Estado español, a Coroa e as súas multinacionais nos países semicoloniais, contra as súas intervencións militares. Plenos dereitos para os inmigrantes e derrogación das xenófobas leis de estranxeiría. Dereito de autodeterminación aos pobos do Estado español.

– A defensa dun movemento estudantil de base, combativo e democrático, baseado en asembleas e coordinadoras, con liberdade de tendencias e opinións que busque a confluencia entre todos os estudantes de medias, FP e universidade, e retome a bandeira da unidade obreiro-estudantil.

– Derrubar o Réxime do 78, contra a Monarquía e a herdanza franquista que segue en pé en forma de poder xudicial, exército e policía.

– Pola defensa do legado teórico do marxismo, que brinda as ferramentas teóricas para propoñernos transformar de forma revolucionaria o mundo.

– Anticapitalismo para acabar con este sistema que non ten nada que ofrecernos. Queremos un mundo sen opresión nin explotación, pondo a riqueza ao servizo da maioría e non ao de engordar os petos dun fato de capitalistas. Como parte desta tarefa consideramos que hai que pelexar tamén por construír unha gran organización revolucionaria da clase traballadora, as mulleres e a mocidade.

Somos parte dunha xeración que en todo o mundo está a comezar a loitar contra capitalismo, os seus gobernos e políticas liberais. En Francia, os nosos compañeiros e compañeiras da mocidade da CCR son parte do movemento estudantil que saíu ás rúas contra Hollande e agora contra Macron, xunto aos e as traballadoras. En Alemaña, os nosos compañeiros e compañeiras de Waffen der Kritik están a participar da importante folga dos bolseiros da universidade e solidarizáronse coas folgas dos traballadores metalúrxicos. En Arxentina, Brasil, Bolivia, Chile, México e Venezuela, as nosas compañeiras de Pan e Rosas están a organizar a folga internacional de mulleres para o 8 M, e dende as agrupacións estudantís defenden a unidade obreira estudantil.

A 50 anos do maio francés, esa gran onda revolucionaria que sacudiu ao mundo, queremos retomar as mellores tradicións de loita e autoorganización do movemento estudantil e de mulleres para loitar xunto á clase traballadora para poñer en xaque a este sistema.

Dende Armas de la Crítica, No Pasarán, o SEI, Pan e Rosas, a recentemente formada agrupación Rosa Luxemburgo de Vigo e outros grupos de militantes da CRT e estudantes independentes en cidades como Burgos, queremos avanzar en unificar as experiencias das nosas agrupacións tras este programa común, que sente as bases para poñer en pé unha gran mocidade anticapitalista e revolucionaria. Con este fin propoñémonos realizar un encontro estatal de unificación a principios de maio en Madrid. Chamamos a sumarse e participar a todos e todas as estudantes e mozas que compartan a nosa perspectiva, derrubar este sistema e o seu réxime e erguer unha sociedade nova das súas cinzas, en favor da clase traballadora, as mulleres, os migrantes, a mocidade e as maiorías sociais.