Este 31 de Marzo aconteceu unha greve no transporte de viaxeiros por estrada en toda Galiza, que tivo un seguimento do 100 %. Os traballadores piden unha suba do salario asociado ao IPC, a fin da precariedade e un convenio xusto.
Sábado 1ro de abril de 2023
A greve foi convocada polos sindicatos CIG, CCOO e UXT. Convocáronse concentracións ás 11 da mañá na Coruña, Santiago, Ferrol, Vigo, Lugo e Ourense e ás 6 da tarde en Pontevedra. Os servizos mínimos foron considerados abusivos segundo os traballadores e temos constancia de que non se cumpriron na súa meirande parte.
O paro tamén afectou ao transporte interurbano, metropolitano, servizos escolares e proximidades, así como o transporte urbano de Santiago de Compostela e Lugo, onde se rexen polos convenios provinciais. Aliás, en Vigo, onde este venres empezou a festa da “Reconquista”, tamén hai unha folga convocada polos traballadores do transporte urbano da empresa Vitrasa, do grupo Audasa.
A patronal do transporte só ofrece unha ridícula subida salarial do 0,8 % só nas provincias de Pontevedra e A Coruña. En Ourense e Lugo negouse sequera a negociar. Sendo os salarios base inferiores a mil euros. Os traballadores demandan unha suba acorde coa inflación do último ano, polo menos dun 6 %.
Por outra banda, piden que se paguen as horas extras e que se cumpran as xornadas de 8 horas, xa que neste sector é común que as empresas incumpran as condicións neste aspecto. As xornadas laborais poden chegar a ser de 12 e 13 horas. E tamén un convenio xusto, xa que o que teñen está caducado desde o 2020.
Os sindicatos din que están a pensar en novas accións para volta de Semana Santa e agardan que a patronal rectifique e conceda as demandas aos traballadores. Así, declararon que se non hai movementos por parte da empresa ou a Xunta, haberá greve indefinida.
A situación é máis escandalosa cando temos en conta que a Xunta de Galicia emitiu unha tarxeta de transporte cun desconto do 50 % ata o 95 % para o transporte interurbano. O goberno está “a regalar” as viaxes aos consumidores para corrixir o efecto da inflación e evitar a dependencia de combustibles no contexto da guerra da Ucraína. Pero non lle está facendo pagar ese diñeiro ás patronais. Así, a principal fonte de ingresos das empresas de autobuses actualmente é, con moita diferenza, o diñeiro público. E aínda así non están dispostos a aumentar os salarios dos traballadores.
Damos todo o noso apoio a este paro, e pensamos que o camiño si está no paro indefinido para acadar todas as demandas. Ademais da coordinación con outras loitas laborais pola suba dos salarios neste contexto de alta inflación. Como exemplo temos aos nosos irmáns de clase en Francia, que están a dar un enorme pulso ao Estado francés para parar a reforma das pensións, con importante presenza de sectores estratéxicos como o transporte.