Antecedentes
O pasado venres 14 foi o trixésimo “venres negro” convocado polos traballadores da CRTVG, unhas xornadas de loita que se levan producindo dende o mes de maio, onde os traballadores concentráronse de forma periódica e vestiron de negro todos os venres de cada mes. O xoves 13, unha vez rematada a habitual rolda de prensa despois da reunión semanal do Goberno, un reporteiro de RTVE preguntou ao presidente se ía facer algún comentario con respecto ao venres negro. A resposta, cargada do cinismo cotián, foi a seguinte: “Eu contestáballe con moito interese, o que pasa é que a miña obrigación é contestarlle aos xornalistas”.
Pero non só nos medios públicos é evidente a falta de independencia da información. Como informaba Diario Público en xuño, dende que Alberto Núñez Feijóo preside a comunidade, a Xunta de Galicia gastou máis de 21,6 millóns de euros a dedo en financiar aos medios de comunicación destinados a sufragar campañas e defender as políticas do goberno galego. As principais empresas beneficiadas foron ’La Voz de Galicia’, 5,5 millóns de euros, Prensa Ibérica, propietaria de Faro de Vigo, con 2,8 millóns de euros, e A Opinión da Coruña, 435.000 euros, O Correo Galego, con 2,22 millóns ou O Progreso de Lugo, case 2,2 millóns, etc.
Por esas mesmas datas, en xuño do 2018, os presentadores do “ Telexornal Serán” da Televisión de Galicia, Tati Moyano e Alfonso Hermida, presentaron a súa dimisión ante a dirección de informativos da cadea pública galega “por razóns profesionais” e “discrepancias coa liña informativa”. Toda esta situación provocou que os sindicatos CUT, CIG, UXT, CCOO e USO convocasen a paros parciais de dúas horas aos 900 traballadores para os días 20, 22, 24, 26, 28 e 30 de Novembro e 2 de Decembro, así como esta folga do 19 de decembro de 24 horas e o sábado 22 a un paro de 8 da mañá ás 2 da tarde, coincidindo co sorteo de Nadal.
Unha nova acción de loita
Os traballadores decidiron de xeito moi maioritario continuar coas protestas que levaron a cabo dende hai semanas. O comité Intercentros, onde están representados os traballadores afirmou que “a dirección non amosou durante as negociacións dos últimos días unha vontade seria para ofrecer medidas que permitan a desconvocatoria das mobilizacións”
A folga de 24 horas alcanzou un 90% de seguimento. Preto de 300 traballadores concentráronse fronte do Parlamento de Galicia ás 10:00 do mércores, coincidindo co debate dos Orzamentos, ao berro de “Non ao desmantelamento, manipulación, represión, en defensa do servizo público” e “somos xornalistas, non somos publicistas". A oposición do PSOE, En Marea e o BNG saíu a apoiar aos traballadores ás portas do Parlamento. Despois da concentración, os traballadores realizaron unha manifestación ás 12:00 que finalizou na Praza Rubia.
Raquel Lema, do sindicato CUT, representante do Comité Intercentros e do Comité de folga, cualificou de "dato histórico" o seguimento acadado polo paro. Tamén recalcou que os servizos mínimos foron abusivos, superiores aos do 8- M e que a maior parte do persoal que foi a traballar foron os mandos intermedios, e os contratos máis precarios, de prácticas ou bolsas, por medo a ser despedidos. “Están a tentar facer as cousas para que non se note” engade Raquel Lema. “O que si que sabemos con seguridade é que non hai deportes nin información meteorolóxica porque todos os compañeiros desas seccións apoiaron a folga”.
Entre as medidas que reclama o persoal está a recuperación da produción propia interna, con programas de servizo público e unha estrutura de persoal idónea, a “erradicación da manipulación informativa co cumprimento da lei de Medios” e o fin da “exteriorización indiscriminada de producións e servizos”. Reclaman que se deixe de externalizar servizos a máis de 55 produtoras privadas, a maior delas “ Overon”. Os traballadores denunciaron a manipulación informativa e demandaron a creación dun “ Consello de Informativos”, electo entre os traballadores.
Tamén solicitan medidas laborais como o final da contratación fraudulenta, a substitución do persoal ausente ou o cambio da actual política sancionadora, en referencia aos expedientes abertos a Carlos Jiménez ou Beatriz Moyano, así como accións a favor dunha conciliación da vida familiar. En 2008 había 1200 traballadores en activo, hoxe son ao redor de 900, dos que tan só 600 son fixos. A perda de salario foi do 31 % debido aos recortes durante a crise.
Non se chegou a ningún acordo nas negociacións coa dirección da CRTVG. Así, Raquel Lema afirmou que se continúa esta situación deseñarán “un novo calendario movilizador con vistas ao ano que vén, que vai ser un ano interesante porque coincide cun ciclo electoral”.
Pola liberdade de información e mellores condicións laborais
A estas alturas, é claro que a radio e a televisión de Galicia sofren de manipulación informativa sistemática, os traballadores perden dereitos laborais e hai recortes de persoal, a organización sindical e a disidencia é reprimida con expedientes e ameazadas de despedimento. Os traballadores e traballadoras da CRTVG son todo un exemplo de loita, e mostran non soamente a súa determinación para conseguir as súas demandas particulares, senón que denuncian activamente a cooptación dos medios públicos polo goberno de dereita e os intereses económicos que defende.
Entre as demandas do movemento está o cumprimento da Lei de Medios, aprobada polo mesmo PP. Pero quedou demostrado que nada se pode agardar das institucións galegas e as súas promesas. A solución está na loita continuada para readmitir a todos os compañeiros represaliados, mellorar as condicións laborais de todo o persoal, rematar coas externalizacións e aumentar a contratación, tal e como defenden os principais sindicatos no sector.
Pero ademais, é preciso superar ao actual marco legal vixente, esixindo un control da radio e a televisión públicas galegas por parte dos seus traballadores e traballadoras. A dirección da CRTVG debe ser electa por sufraxio universal entre todos os membros do centro, e que calquera empregado teña dereito a presentarse e a votar. Os contidos dos informativos, así como a programación deben ser elixidos polos traballadores mesmos, non pola cúpula do partido que estea no poder.
Os traballadores da radio e televisión pública de Galicia dixérono ben claro. Queren que se produzan contidos obxectivos, de calidade e que relaten a realidade da nosa terra. Están fartos de ter que facer propaganda para un goberno que ataca os dereitos sociais, como en Sanidade e Ensino, e que representa os intereses dun partido corrupto e a unha minoría da sociedade.
A necesidade de unificar as loitas pola defensa dos servizos públicos
A semana pasada houbo unha folga de médicos en Vigo, feito que coincidiu coa dimisión en bloque de 20 xefes de saúde nesta cidade, alegando que non queren ser partícipes dos recortes e a redución da calidade asistencial que iso supón. Os problemas acumúlanselle ao goberno de Feijóo. Cinco dos sete campus das universidades galegas votaron masivamente contra a monarquía e a favor de abrir procesos constituíntes, e as plataformas que convocaron ás votacións están a expor a unión con outras loitas obreiras e sociais.
A loita en Alcoa intensifícase e prodúcense novas mobilizacións contra o peche da fábrica nos seus centros na Coruña e San Cibrao (Lugo). Cabe preguntarse entón, que fai falta para que consigamos todas as nosas demandas, na Ensino, a Sanidade, os medios públicos, a Industria, etc.? A resposta é clara, levemos adiante a unificación das loitas estudantís e dos traballadores, para xuntar forzas na perspectiva da folga xeral para derrotar ao goberno e conseguir todas as reivindicacións. |