www.izquierdadiario.es / Ver online / Para suscribirte por correo o darte de baja, haz click aquí
La Izquierda Diario
18 de enero de 2025 Twitter Faceboock

GALICIA 8M
#8M Folga xeral feminista en Galicia: quen convoca e por que... e quen non o fai
CRT Galiza

Só os sindicatos CUT, SLG e CNT organizarán folga xeral no día internacional das mulleres este 8M en Galicia. Outras organizacións non secundan o paro, aínda que siga sendo totalmente necesario ante a realidade de millóns de mulleres traballadoras.

Link: https://www.izquierdadiario.es/8M-Folga-xeral-feminista-en-Galicia-quen-e-por-que-a-convocan-e-quen-non-o-fai?id_rubrique=2653

Hai só dous anos da primeira gran folga feminista. Entón, miles de traballadoras e estudantes desbordaron as rúas galegas baixo os mesmos lemas, superando calquera expectativa. En Vigo foron mesmo 50.000 as manifestantes que impuxeron a súa voz, moitas máis que calquera outra cidade galega, repetindo ao ano seguinte con máis de 100.000 persoas. O movemento feminista mostrou a súa forza en Galicia e no resto do Estado; case 6 millóns de persoas secundaron a folga, faltando ao traballo ou aos seus centros de estudo (segundo datos de CCOO e UGT).

Sen ningunha dúbida o movemento polos dereitos da muller profundouse a nivel mundial nestes últimos anos, dende o movemento “Nin unha menos” en Arxentina en 2017 ata as performances de “Un violador no teu camiño” comezadas en Chile e realizadas recentemente en todo o mundo. Aínda así, a realidade política tamén foi cambiando, condicionando a organización do 8M deste ano.

Precisamente en Chile, onde tivo e segue tendo lugar unha enorme rebelión popular contra o aumento dos prezos da vida, a represión brutal do goberno de Piñera e contra todo un sistema neoliberal e patriarcal opresivo, prevese unha gran mobilización para o 8 de marzo. Así como en toda América Latina, unha rexión que estivo marcada por profundos procesos de loita de clases, como en Ecuador ou Bolivia, neste último onde as mulleres resistiron o golpe de estado da dereita máis patriarcal e antiobreira, e loitando valentemente chaman a manifestarse estes días "contra o capitalismo que nos explota, o patriarcado e o machismo que nos asasinan, as igrexas que nos violan e o racismo que nos humilla”.

Por outra banda, a loita polo aborto legal en Costa Rica ou a enorme loita contra a reforma das pensións en Francia, que afecta gravemente as mulleres dese país, tamén nos fai pensar que as súas mobilizacións van ser masivas.

E aínda que no Estado español tamén se espera masividade, parecese que se deu un retroceso na mobilización con respecto ao ano pasado. Este ano non se convocou a unha reunión estatal para coordinar o movemento, e moitos sectores do movemento feminista han renunciado a convocar folga a nivel estatal, deixando esta decisión en mans das organizacións de cada territorio. A decisión tomouse, entre outros motivos, en favor de “institucionalizar as nosas demandas”, é dicir, dando un voto de confianza ao goberno socio-liberal de PSOE e Unidas Podemos.

Pódeche interesar: ¿Por qué este año no se convoca huelga feminista en el Estado español?

Este martes o Ministerio de Igualdade anuncia unha nova Lei de igualdade sexual que toma moitas demandas que o movemento de mulleres puxo estes anos na axenda pública por medio da mobilización, aínda que o fai cun enfoque centrado no código penal e sen tomar medidas de fondo contra todas as violencias do capitalismo patriarcal.

Todo isto cando, como di a última declaración das nosas compañeiras de Pan e Rosas, “en tan só mes e medio da estrea do goberno de coalición, xa se mostra o seu dobre discurso e os seus enormes límites, e son moitos os ‘sapos’ que Podemos e EU están a ter que tragar cos seus ministros no goberno social liberal. O exemplo de Alberto Garzón, retrocedendo ante os intereses das empresas do xogo e casas de aposta, é o último dunha seguidilla, despois de asinar Podemos un pacto co PSOE onde se comprometían a cumprir os obxectivos de ‘equilibrio fiscal’ da UE, e aplaudir ao monarca por ‘lealdade constitucional’ ou reiterar os pactos internacionais coa OTAN e as misións imperialistas. Tamén se manteñen as leis de estranxeiría, as deportacións en quente e os CIEs, xunto coa negativa para derrogar a totalidade das reformas laborais que precarizan.”

Pódeche interesar: ¿#8M Por una gran jornada lucha internacional contra el capitalismo patriarcal e imperialista

Con todo, houbo territorios que si votaron ir á folga, como o fixo a Asemblea Feminista en Catalunya. Tamén Andalucía votou ir á folga, impulsada por CXT, o SAT e outros sindicatos.

E que pasa en Galicia?

A Plataforma Feminista Galega e a organización Galegas 8M asumen que é necesario “descentralizar” a loita e centrarse máis na cuestión da “folga de coidados” para visibilizar o traballo reprodutivo. Estamos de acordo con esta reivindicación, pero non convocar folga laboral este ano só pode facerlle o xogo á patronal e ao gran capital, quitándolle contido e forza ao movemento de mulleres, que foi dos poucos que foi capaz de mobilizar a millóns cuestionando todo un sistema de explotación e opresión capitalista, patriarcal e racista a nivel mundial. Que todas e todos paremos fai dano a ese capital que se aproveita do machismo e o patriarcado para explotar aínda máis ás mulleres, que teñen os traballos máis temporais e peor pagos.

Así mesmo, a burocracia sindical de CCOO e UGT non convocará folga nin paros parciais como noutros anos, participando só en mobilizacións puntuais á tarde. Unha conduta esperable desta clase de sindicatos burocráticos, cando xa rexeitaron apoiar a folga xeral en Euskadi ou a súa negativa para loitar contra as reformas laborais.

Pola súa banda, a CIG tampouco convocará folga porque sosteñen que, ao coincidir en domingo, só afectaría a unha "porcentaxe reducida" de traballadoras, ademais de incidir na "precariedade". Moitas mulleres no sector do traballo doméstico, na hostalería e noutros sectores están obrigada a que traballar os domingos, e se a baixa porcentaxe de participación é o que preocupa á CIG, poderían optar por convocar folga o 9 de marzo, como se fai en Catalunya. Unha vez máis observamos como existe un abismo entre os discursos combativos e a crúa realidade á hora de posicionarse nunha data tan sinalada como esta.

Tampouco convocará folga a CGT en Galicia para 8 M, a pesar de que si que o fan en Catalunya. Lamentamos que unha organización que se denomina como a “esquerda sindical” que di opoñerse aos postulados da burocracia CCOO e UGT, acabe facéndolle o xogo ao goberno socio-liberal do PSOE, e por extensión á patronal ao non convocar folga este ano.

Con todo, este 8 de marzo si que haberá folga de mulleres en Galicia. A CUT (Central Unitaria de Traballadores), o SLG (Sindicato Labrego Galego) e a CNT (Confederación Nacional do Traballo) convocan a un paro xeral de 24 horas para dar cobertura legal a todas as persoas que queiran faltar ao seu posto de traballo e realizar unha verdadeira folga laboral.

Nun contexto onde a burocracia sindical e a maior parte das organizacións sindicais báixanse do carro, nun escenario onde un sector da dirección do movemento feminista rebaixa as súas demandas e os seus métodos de loita ante o goberno social liberal do PSOE e UP, e onde case toda a esquerda parlamentaria se pliega a eses postulados e non defende a necesidade dunha folga, asumir esta posición é un importante paso para volver poñer a loita de clases no centro dos debates.

En Galicia, como en todo o Estado, hai motivos suficientes para ir á folga este 8 de marzo. Porque as mulleres galegas cobran de media un 21 % menos que os homes, porque a cifra de feminicidios non fai máis que aumentar, pola separación efectiva da Igrexa e o Estado e a expropiación de todos os centros concertados, por acabar coa trata de persoas e todas as agresións contra a liberdade sexual, etc.
Pensamos que o centro da estratexia feminista debe estar na loita de clases, e non en confiar nas migallas de certos partidos dentro do sistema capitalista. Todos os dereitos e liberdades conquistáronse coa loita nas rúas, pero non se trata de presionar ao goberno para facer cumprir certas demandas parciais, senón de impulsar un potente movemento de mulleres antisistémico e que expoña un novo modelo de sociedade, contra todo tipo de opresión e explotación.

Un gran movemento feminista de clase que sexa capaz de aglutinar ao redor a todos os sectores oprimidos da sociedade, que son principalmente as mulleres, as migrantes e a mocidade, e que inspire ao conxunto da clase traballadora. Que nos leve a extraer novas leccións, a dar novas e máis profundas batallas, como demostraron os chalecos amarelos e as folguistas do transporte en contra da reforma das pensións en Francia. Ou os pobos rebeldes de América Latina coas mulleres á fronte.

 
Izquierda Diario
Síguenos en las redes
/ IzquierdaDiarioEs
@iDiarioES
[email protected]
www.izquierdadiario.es / Para suscribirte por correo, haz click aquí