A estas alturas todo o país decatouse da vertedura de pellets nas costas do Atlántico e o Cantábrico. Está a ser un dos principais titulares estes días e supón unha gravísima ameaza para a fauna mariña das costas do norte. As distintas administracións bótanse as culpas unhas a outras mentres centos de voluntarios lánzanse a limpar as praias con medios incriblemente precarios.
Os danos deste “novo Prestige”, como algúns o están chamando, facendo alusión á vertedura de chapapote que arrasou as costas galegas hai xa vinte e un anos aínda están lonxe de ser claros, seguramente tardarase anos en determinar as súas últimas consecuencias para o ecosistema e o sector pesqueiro, que será gravemente afectado, en todo o atlántico, xa que as correntes encargaranse de esparexer os plásticos por infinidade de costas. Fagamos un repaso do suceso, de como se está a xestionar e tratemos de darlle unha explicación.
Crónica da vertedura
O 8 de decembro de 2023 o cargueiro Toconao, en ruta desde Alxeciras ata Róterdan, perdeu cinco dos seus contedores fronte ás costas de Portugal. A causa disto aínda é descoñecida. Un deles contiña 26 toneladas de pellets de plástico.
O día 13 dese mesmo mes unha chamada ao número de emerxencias do 112 alertaba da aparición de varios sacos de pellets na praia de Espiñeirido, partículas de plástico utilizadas na manufactura de múltiples produtos, duns 5 milímetros de diámetro, que se confunden facilmente con fragmentos de cuncha nas praias e con alimento por parte dos animais mariños.
Nos sucesivos días e semanas fóronse sumando máis observacións en todo o litoral atlántico de Galicia. A tarefa de limpar os areais recaeu en concellos sen medios para levala a cabo e en grupos de voluntarios auto-organizados que contaban só coa súa boa vontade e precarios medios. Limpar a area deste material é especialmente complicado tanto polo seu tamaño e cor, que se confunde facilmente con fragmentos de cunchas e ten de ser recolleito filtrando pequenas cantidades de area de forma metódica, como polo feito de que a gran maioría do plástico non se atopa na costa senón no mar, e é arrastrado pola marea a praias xa limpas. Estes grupos de voluntarios levan enfrontando a esta tarefa de Sísifo preto dun mes.
Durante as primeiras semanas a noticia vaise difundindo por redes sociais e os medios pronto se fan eco dela. A preocupación pola situación empeza a crecer en sectores da poboación.
A Xunta de Galicia, presidida por Alfonso Rueda do Partido Popular, nun principio non mostra preocupación, elevando o nivel de alerta ao nivel 1, puramente de aviso, e declarando que os plásticos non son tóxicos, baseándose nun informe dunha soa páxina asinado por un empregado dunha empresa privada.
Nos últimos días de 2023 ante a crecente preocupación pola crise e a inacción das autonomías, Rueda alega que as competencias da limpeza recaen no goberno central e que este non está a actuar. De acordo con o Plan de Emerxencia, o goberno central só pode enviar axuda unha vez que se active o nivel 2 de alerta.
Nos primeiros días de 2024 producíronse observacións nas costas de Asturias e Cantabria, e a gravidade das verteduras vai en aumento. Non se espera que cheguen ás costas de Euskal Herria ata dentro duns poucos días, pero é un feito que chegarán. Agárdase que proximamente cheguen ás costas de Francia e que nuns meses as correntes oceánicas os dispersen polo o atlántico.
Finalmente o 9 de xaneiro, un mes despois da vertedura, a Xunta declara o nivel de alerta 2.
Os responsables da traxedia
As eleccións en Galicia do próximo 18 de febreiro xogaron un rol importante nesta inacción criminal, así como a loita continuada entre a dereita e o “goberno progresista”. Por unha banda o PP tentou manter unha aparencia de normalidade ante unha grave crise para asegurarse a súa posición nas próximas eleccións e por outro o goberno central xogou a reprender á Xunta durante máis dun mes, cando foi coñecedor da vertedura poucos días despois de que sucedese e non puxo en marcha ningún protocolo de emerxencia, deixado a bóla no tellado das autonomías galegas durante un mes para gañar rédito político, á conta dunha emerxencia ambiental grave. Ambas as partes tiveron un rol vergoñento nos feitos.
Agora que o nivel 2 foi activado poñerase en marcha un plan de limpeza exhaustivo durante as próximas semanas, máis dun mes despois da vertedura. As consecuencias finais desta inacción criminal aínda se descoñecen pero varios expertos e ecoloxistas prevén que serán desastrosas para a vida mariña, que xa se está vendo afectada, e a pequena economía pesqueira, que sufrirá un durísimo golpe como xa o fixo en 2002.
Non podemos tampouco esquecernos da navieira, a primeira causante da vertedura. Para empezar o cargueiro Toconao, con bandeira en Liberia como numerosas embarcacións, debido á súa política laxa con respecto á matriculación e estado de navíos, unha das coñecidas como “bandeiras de conveniencia”. A empresa armadora do barco (a que o prepara para a súa explotación comercial) é Polar 3 LTD, con sede nas Illas Bermudas. A empresa que o xestiona, Columbia Ship Management, foi fundada polo alemán Heinrich Schoeller. O cargamento de pellets atopábase dentro de contedores de Maersk, unha das maiores distribuidoras de mercadorías marítimas, e tiña como destino unha empresa polaca dedicada á fabricación de obxectos plásticos.
A situación nesta fronte tamén está a ser deplorable. Ningunha das compañías asume ningunha parte da culpa e vanse pasando a pelota unhas a outras. É difícil que ningunha delas acabe sufrindo consecuencias pola perda dos contedores, cuxa causa aínda se descoñece pero botando a vista atrás a outras verteduras similares como o que tivo lugar nas costas de Malaisia en 2021 podemos asumir que moi probablemente fose causado por neglixencias no mantemento do barco, a seguridade da carga ou a ruta tomada polo navío (decidida case sempre pola compañía xestora).
Os propios pellets, que a Xunta continúa asegurando que son perfectamente seguros para a saúde, non o serían tanto, como se demostrou por varios estudos toxicolóxicos, que determinaron que poden posuír ata un 30% de substancias tóxicas, así como transportar diversas bacterias e enfermidades nas súas superficie porosa. Estes plásticos considéranse mercadoría non perigosa, e por tanto non se toma ningunha precaución especial durante o seu transporte e manipulación. A crise dos pellets desmentiu isto totalmente, e non é a primeira vertedura destas magnitudes que tivo lugar.
Atopámonos diante dunha grave emerxencia ambiental, cuxos efectos se sufrirán durante anos, se non décadas en multitude de países, que quedará sen responsables, ou sen que estes enfróntense a ningunha consecuencia grave pola súa neglixencia criminal. Unha vez máis somos a clase traballadora quen paga os pratos rotos pola burguesía.
O sector primario cada vez está máis ameazado, perdendo zonas de pesca a medida que a vida mariña desaparece, e enfrontándose a desastres ambientais como este.
Con todo, dinos que temos que consumir menos, ou que debemos consumir produtos ecolóxicos, “facer nosa parte”. Pero non somos a clase traballadora a que causa a maior parte da contaminación global, senón as empresas, que orientadas pola ganancia e a competición acaban abandonando a conciencia social, elixindo o máis rendible por encima do ecolóxico
Cal é a causa última destas crises?
A que se está vivindo agora no norte do Estado español non é a primeira nin será a última emerxencia desta magnitude que sufriremos. Xa vimos algo similar en 2002 co afundimento do petroleiro Prestige fronte ás costas galegas, debido á neglixencia das empresas armadora e xestora, que deixou as praias cubertas de chapapote durante anos e arrasou coa fauna e flora marítima e costeira.
Cada poucos anos vemos suceder crises similares, case sempre coa neglixencia e a procura de maiores ganancias económicas como o seu causante directo. O certo é que a irracionalidade deste sistema e o seu completo desinterese cara ao medio ambiente é o que nos trae estas emerxencias, para despois lavarse as mans e deixar aos habitantes das zonas afectadas á súa sorte.
A neglixencia das múltiples compañías que operan nos océanos non coñece límites. Ademais dos casos do Toconao e o Prestige, podemos lembrar a catástrofe ambiental que foi o afundimento da plataforma petrolífera Deepwater Horizon no golfo de México, que provocou o maior vertido de petróleo da historia, estimado en 779.000 toneladas de cru. As consecuencias desta hecatombe son incalculables.
Pero hai moitos accidentes con consecuencias tamén nefastas que pasan desapercibidos por ter lugar en países coloniais, onde as medidas de seguridade son moitísimo máis laxas e onde os medios non se fan eco destes desastres. O imperialismo ten tamén neste aspecto consecuencias terribles para a poboación destes lugares, que ademais da a explotación colonialista, con todo o que ela inclúe, carrexan co groso da crise climática que se vive a nivel global. Todo para asegurar o incalculable beneficio económico da burguesía internacional.
A pesar dos constantes avisos da comunidade científica sobre a acidificación dos océanos, a perda de biodiversidade e a redución de osíxeno no mar, os grandes monopolios seguen a verter toneladas de plásticos e residuos tóxicos ao mar.
É imposíbel que as praias de Galicia volvan a como estaban antes; a crise climática actual mostra claramente como por moitas ONG que limpen o mar e por moitas conferencias do clima que se fagan, a contaminación do planeta vai en aumento.
O acordo de París foi un intento de comprometer aos distintos países a unha lista de obxectivos de decrecemento para evitar que a terra chegase a quentarse 1.5 graos. A día de hoxe, o escenario de que superamos ese límite é case unha certeza. Mentres, as empresas fan todo tipo de manobras para enganarnos con que o pellet é comestible, ou que o mal chamado “gas natural” sexa cualificado como “enerxía renovable”.
A maior lección que podemos extraer da vertedura do Toconao non é como mellor asegurar o transporte de mercadorías ou como poñer en marcha mellores protocolos de resposta ante as verteduras no mar, é a necesidade imperante de poñer en pé outro sistema no que a produción económica non estea destinada á ganancia dunha reducidísima clase social, senón á xestión dos recursos e ao coidado da natureza.
O mellor exemplo de como sería unha fábrica xestionada por traballadores nunha sociedade socialista dánolo Zanon, unha fábrica posta baixo control obreiro en Arxentina que leva funcionando máis de vinte anos.
Esta crise, así como a emerxencia climática en xeral que ve como cada ano aumentan as temperaturas, o nivel dos océanos e a destrución irreparable de ecosistemas, debería poñernos de manifesto a necesidade imperante de poñer en pé un gran movemento ecoloxista socialista, que da man da clase traballadora internacional, máis feminizada e diversa que nunca, loite por poñerlle fin a este sistema capitalista que só nos leva a vidas de opresión e precariedade nun planeta cada vez menos habitable.
Nun mundo en que as loitas polos recursos e as crises migratorias acentúanse, apostamos por un futuro socialista que supere as contradicións do capitalismo, como o son a obsolescencia programada, o malgaste enerxético ou o desperdicio do 30% da comida que se produce.
Fronte á impasibilidade dos gobernos do mundo e a crueldade coa que as empresas nos explotan e destrúen o noso planeta, só quédanos cambiar este sistema de raíz. Esta é a única esperanza real que temos de poñerlle freo a unha crise climática feroz que empeora cada día.
|