Galiza é un dos territorios con menos Rede Natura no Estado español, é dicir, con menos áreas de conservación da biodiversidade. Ademais das crises que sufriron as súas costas co Prestige no 2002 e a máis recente crise dos Pellets, o negocio do monocultivo do eucalipto, que xa están a esnaquizar a nosa terra, fai que a rexión e as súas especies estean nunha situación crítica.
A empresa Altri, que tenta pintar de verde o seu proxecto, afirma que a macroplanta “situará a Galiza na vangarda dunha nova industria baseada na sustentabilidade, a innovación e a mellora continua”. En realidade trátase dunha empresa que acumula multas por contaminación de millóns de euros, sendo responsábel da contaminación do río Texo, como explicamos máis adiante.
A mal chamada “biofábrica” non ten en conta a escaseza de auga e as secas ás que nos levará a destrución ambiental: requirirá preto de 46 millóns de litros de auga ao día, a mesma cantidade que consome a provincia de Lugo enteira. Ademais de ter un permiso para botar 30 millóns de litros diarios de verteduras residuais ao río Ulla. A planta produciría unhas 400.000 toneladas de pasta de eucalipto ao ano.
Esta macroplanta requirirá ademais de máis de 800 parcelas, moitas das cales serán expropiadas. Altri é unha mostra máis da hipocrisía que é afirmar que a expropiación do territorio non parece ser un problema cando se trata de beneficiar a grandes empresas, pero si cando se fala de poñerlle freo ás empresas multimillonarias que contaminan a gran escala. A compañía anuncia ademais que emitirá á atmosfera xofre, óxidos de xofre, óxidos de nitróxeno, monóxido de carbono e material particulado.
Este proxecto, de preto de 900 millóns de euros, foi elixido o ano pasado pola Xunta como un dos proxectos susceptibles de financiamento a través dos fondos “Next Generation” da Unión Europea. Os veciños que rexeitan o proxecto denuncian que a Xunta estea a facer unha campaña de “marketing” a favor dunha empresa privada.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, escúsase dicindo que Galiza “non está para prescindir alegremente de moitísimos postos de traballo”. Este é outro falso argumento que se usa continuamente para xustificar os macroproyectos contaminantes, creando unha falsa separación entre as demandas ecoloxistas e a demanda laboral da clase traballadora. Ademais, esta macroplanta fará pechar a moitas outras empresas na rexión, quitando máis traballo do que veñen ofrecer, xa que só creará 250 novos postos de traballo.
As actividades realizadas polos traballadores e pequenos propietarios da rexión, como a gandería, agricultura e silvicultura veríanse seriamente afectadas pola actividade da empresa, así como a súa saúde. Ademais, o turismo e a afluencia de peregrinos do Camiño de Santiago tamén se verían reducidos.
Unha empresa coñecida pola súa falta de ética ambiental en Portugal
O promotor da industria en Galiza é Greenfiber, S.L. O socio minoritario, co 25% desta empresa é Manuel García Pardo, dono da enerxética galega Greenalia, que ten entre os membros directivos a Beatriz Mato, a ex-conselleira de Medio Ambiente e ex-líder do PP na Coruña. O socio maioritario é o grupo luso Altri, dono de tres fábricas de celulosa en Portugal (Celbi, Caima e Celtejo).
En 2018, o Goberno de Portugal mandou deter a metade da produción dunha das fábricas do grupo durante un mes xa que o Texo apareceu cheo de escuma. A celulosa Celtejo (filial de Altri) que ten un tamaño a metade do que se quere instalar en Galiza, negou a súa responsabilidade, pero tivo que pagar varias sancións.
Tras a investigación, comprobouse incumprimentos das normas. Así, en marzo dese ano o citado Inspector informou que lle impoñían dúas multas (pequenas) a Celtejo. Unha de 12.500 euros e outra de 48.000. O Ministerio de Medio Ambiente confirmou que os datos do autoexamen transmitidos ás autoridades por Celtejo en 2015 e 2016 "demostran que os límites de vertedura de efluentes aos que estaba obrigado non se cumpriron ".
Tras aquel episodio de contaminación, o Ministerio de Medio Ambiente limpou o leito do Texo dos residuos que deixan as augas residuais das celulosas e outras industrias. O Ministro de Medio Ambiente João Pedro Matos Fernandes explicou que os residuos de Celtejo e outras dúas papeleiras da zona son unha "bomba de tempo desde o punto de vista da contaminación", xa que consomen osíxeno, inhibindo "a posibilidade de vida no Texo".
Un gran volume de escuma espesa concentrouse preto de Abrantes, identificándose a presenza de niveis de celulosa cinco mil veces superiores aos normais. O Ministerio anunciou entón que ía modificar o permiso de Celtejo para reducir a súa actividade á metade, pero non hai noticia de que cumprise a súa promesa.
Movementos políticos e a resistencia do pobo traballador
Esta empresa non só conta co apoio da Xunta de Alfonso Rueda, senón tamén do goberno de PSOE-Sumar dende o ministerio de Industria. Os dous grandes partidos que sustentan este proxecto son PSOE e PP, pedindo este último mocións en todos os concellos de Lugo para apoiar á factoría, e evidenciando o seu apoio á minoría capitalista a pesar das protestas e demandas de ecoloxistas e veciños.
O BNG opúxose recentemente ao proxecto e tenta protagonizar a resistencia contra o mesmo con campañas concienciación. Con todo, o PP lembroulle ao BNG que “votou a favor dúas veces” de iniciativas parlamentarias a favor da factoría. É certo que o proxecto difire do prometido inicialmente, e estivo caracterizado pola habitual turbidez e ambigüidade ata o último intre.
Pero tamén é certo que o BNG ten fortes contradicións internas entre o súa defensa do medio ambiente, e as súas tendencias “desarrollistas” ou “industrialistas” nos últimos anos. Non nos opoñemos ao desenvolvemento industrial sustentable na Galiza. Pero si a baixadas de impostos a empresas galegas e un “proxecto de país” que pretende ser atractivo para unha parte da burguesía.
As primeiras accións de loita sucedéronse en vilas como Pas, Monterroso, Melide ou Agolada, onde os executivos de Altri non puideron realizar conferencias informativas sobre o seu proxecto, pola gran oposición popular. Hai poucos días preto de 400 persoas participaron nunha andaina entre Palas de Rei e Santiso contra a macrocelulosa durante un 12,5 km. Os asistentes formaron unha cadea humana ao redor do Ulla ao berro de “a auga é nosa, e non da celulosa. Altri Non”.
Importante a reflexión no acto final de Sara Castro, médica de familia no Centro de Saúde de Santiso, que asegurou que os datos da empresa “son vagos e coinciden sospeitosamente cos limites máximos establecidos ao respecto pola Xunta de Galicia”. Afirmou que lle preocupan as verteduras con nitratos, nitróxeno e fósforo a altas temperaturas”, que provocarían “microcistinas” na auga que son prexudiciais para a saúde a curto prazo podendo provocar mareos e vómitos pero a longo prazo tamén danos hepáticos e neurolóxicos”.
É claro que hai unha gran unidade na comarca da Ulloa en contra deste megaproyecto contaminante. Pero consideramos que a súa forza non vai ser dabondo para tombar esta barbarie. Ata o momento (e que nos conste), non hai manifestacións convocadas en Santiago, ou nas 7 principais cidades galegas contra Altri. Non existe unha verdadeira organización para expresar todo ese malestar e rabia e pensar colectivamente unha forma de vencer a esta empresa e ao goberno que a apoia.
Se hai algo que evidencia o caso Altri é a impunidade das grandes empresas, que esnaquizan o planeta con axuda do Goberno e apoiándose na “colaboración” entre o sector público e o privado”. Un modelo capitalista baseado na ganancia e na produción desmedida non pode ofrecer solución algunha á extinción de especies protexidas, a escaseza de auga, a degradación de ecosistemas, e demais crise que o mesmo sistema xera.
Para asegurar os intereses das grandes maiorías e protexer o medio ambiente, é necesaria ampliar a loita a sectores de traballadores afectados e ao pobo galego en xeral. Como parte dunha loita máis xeral contra a celulosa ENCE que leva máis de 60 anos contaminando a ría de Pontevedra, e outras loitas ambientais. E na perspectiva dun modelo económico ecolóxico e socialista, planificado democraticamente polo pobo traballador. |