×
×
Red Internacional
lid bot

Eleccións Galicia 18-F: Que pode esperar o pobo traballador?

As eleccións galegas, convocadas de forma anticipada por Alfonso Rueda (PP), presentan un escenario onde hai moito máis xogo que nas de 2020. O PP ten unha forte tendencia á baixa e periga a súa maioría absoluta. Mentres o BNG, cun discurso moderado e medidas de corte nacionalista populista burgués, parece estar a agrupar a maioría do voto de esquerda e espera superar unha vez máis o seu teito histórico.

Viernes 16 de febrero de 2024

EN CASTELLLANO


O Partido Popular e as súas debilidades


O contexto social e político non podía ser peor para unha reedición dunha maioría absoluta do PP en Galicia. É posible que a acaden pola mínima (38 deputados), mais ao desgaste de 15 de anos de recortes nos servizos públicos, como a sanidade e a educación, da suba do desemprego (en particular na mocidade) e todos os problemas sociais que xofre Galiza, a emigración de centos de miles de mozos ou procesos de recortes e despedimentos en diversos sectores industriais, súmanse varios factores de contexto.

Alberto Núñez Feijóo nomeou a Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia sen ser electo. Era un descoñecido para o gran público, e amosou ter moi pouca capacidade de discurso e de convencemento. O papel que se lle asignou é o de ser unha mala copia dun Feijóo que se presentaba como un tecnócrata, un “bo xestor”, pero o papel ficou grande para el. No único debate electoral que participou, organizado pola TVG, a única “proposta” que fixo foi baixar impostos, como o de patrimonio, que afectan principalmente aos máis ricos.

Nese marco, a xestión da crise dos pellets de plástico foi nefasta. Nunha actitude absolutamente neglixente, tardaron máis dun mes en actuar, e cando o fixeron practicamente non contrataron a ninguén para a limpeza, sendo unha vez máis o pobo organizado o que se presentou nas praias para recoller os plásticos. Ademais, nun erro de cálculo garrafal, parece que o PP agardaba que coa chegada das eleccións a xente se esquecería dese grave problema ambiental, cando o que aconteceu foi todo o contrario.


Pódeche interesar: A crise dos pellets: neglixencia empresarial e inacción das administracións


A clave política da campaña do PP contra o ascendente BNG foi unha amálgama argumental mesturando o vetusto argumento de ETA e o independentismo catalán, a partir do feito de que a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, é parte do mesmo grupo parlamentario que EH Bildu. Unha operación para o que contou co apoio de sectores ultrarreaccionarios como a Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT). Unha dos seus membros, Maite Araluce, saía o pasado mércores no Telexornal do mediodía dicindo que “O BNG está cos terroristas”.

Este discurso, con todo, polo que indican as enquisas non calou no electorado galego. Aínda máis, quedou agochado polo escándalo que suscitou a confirmación por parte da dirección do PP a 16 xornalistas de que Feijóo encargou unha análise xurídica sobre a amnistía, que estaría aberto a outorgar un indulto “con condicións” a Carles Puigdemont e que considera que non será posíbel demostrar que o expresident cometeu un delito de terrorismo. Un caso que non só vai contra a argumentación global do PP nos últimos meses contra a amnistía, senón que deu certo aire a Vox nas eleccións galegas (que viña completamente desaparecido) e tamén a Democracia Ourensá (DO), un grupo populista de dereita que podería obter 1 escano.

A debilidade do candidato tamén se fai notar cando se negou a participar no debate organizado pola sección galega de RTVE en Santiago, presentado por Xabier Fortes, onde só participaron Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdG-PSOE), quen aproveitou a espantada de Rueda para escenificar a súa vontade de gobernar xuntos en Galicia.

Así, o retroceso do PP é innegábel, aínda que haberá que agardar ao domingo para ver canto de pronunciada será a súa caída e se pode continuar como Presidente nunha nova lexislatura ou perde o goberno da Xunta de Galicia.


O BNG en auxe: conservación da súa base obreira e moderación política


O elemento máis destacado destas eleccións é o ascenso do BNG, que nestas eleccións preséntase como a alternativa ao PP. Aínda que non podemos abordar aquí unha análise en profundidade sobre o BNG, o seu programa e a súa evolución nos últimos anos, é preciso partir dalgunhas consideracións para comprender o fenómeno e o seu actual crecemento electoral.

O BNG é o partido histórico da clase traballadora galega. Dende hai moito tempo ten maioría sindical na maior parte dos sectores económicos, mediante o seu sindicato afín a CIG (Confederación Intersindical Galega). O seu primeiro período de auxe foi con Xosé Manuel Beiras en 1997, cando conseguiu 18 deputados, pero non foi suficiente para botar ao PP da Xunta. Gobernou sendo a pata curta no bipartito do 2005 ao 2009 xunto ao PsdG. Desa época aínda se lembra a infame privatización do servizo de extinción de incendios, que pasou á empresa concesionaria SEAGA (con condicións laborais moito peores) e a corrupción asociada a algúns dos primeiros grandes parques eólicos do país.

Isto levounos a unha fonda crise interna, que abriu un espazo para a emerxencia do neorreformismo en Galicia. Primeiro co experimento de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), liderado por Beiras, Anova EU e sectores ecoloxistas -unha sorte de proxecto piloto do que posteriormente sería Podemos a nivel estatal-, e posteriormente co xurdimento de Podemos e En Marea. Pero a xestión municipal do novo reformismo foi incluso peor que a tradicional xestión do BNG. Non só incumpriron case todas as súas promesas electorais, se non que chegaron a tomar medidas antipopulares, como subir rendas antigas ao barrio máis pobre de Galiza (Recimil, en Ferrol) ou a desaloxar centros sociais como “A Insumisa”. O descontento do electorado de esquerdas foi tal que en 2020 o BNG recuperou e superou o seu voto inicial.

Pero hai outro factor aínda máis importante para este proceso de recuperación: nos últimos anos creouse un novo BNG, máis “moderno” e sobre todo máis moderado, aínda que mantendo parte do seu programa histórico, que se presentou como unha alternativa máis atractiva para un amplo sector interclasista do electorado.

A súa candidata, Ana Pontón, unha política competente e que se desenvolve ben no debate público, destacouse polo seu ton moderado e tranquilo nas súas intervencións. Un perfil que contrasta notoriamente co de Xosé Manuel Beiras, por exemplo, que nos seus mellores momentos golpeou a mesa cun zapato nunha intervención contra Fraga, ou chamou asasino á cara a Feijóo polos seus recortes en Sanidade.

Detrás da súa nova cara, o BNG mantén parte do seu programa histórico, como a creación dunha empresa pública enerxética galega, a nacionalización de Alcoa, e por extensión ás principais empresas electro-intensivas no caso de que teñan novos ERES. Tamén se opón á reforma laboral de Yolanda Díaz, sendo un dos poucos partidos da esquerda parlamentaria que se opuxeron. Esteas posicións permitíronlle ao BNG manter o voto do electorado máis de esquerda -ou mesmo de sectores da esquerda radical (Anticapitalistas, por exemplo, chama a votalos críticamente nestas eleccións), e presentarse como unha alternativa “á esquerda” de Podemos e Esquerda Unida que defenda mellor os intereses de Galicia.

Con todo, o outro gran vector do seu empuxe electoral, pasado e futuro (o que lle proxectan as enquisas), explícase por un elemento do signo oposto: a súa moderación, o que lle permitiu conquistar unha porción dos votantes do centro. Primeiro, certa moderación sobre a súa posición sobre a defensa da lingua galega, fuxindo dun monolingüismo que era visto como “identitario” por moita xente, así como a moderación dos seus obxectivos nacionalistas. De independencia, desde o fin do procés catalán, non se lles oíu falar nada.

A expresión programática desta moderación vese en medidas como, por exemplo, a baixada de impostos ás empresas galegas, o cal é claramente unha medida de dereitas. Na campaña centráronse moito en defender que o BNG atraerá o investimento de capital “sen renunciar a dereitos laborais”, para construír unha industria diversificada en Galiza. E que para iso enfocarase no talento e en reducir o prezo da enerxía, mediante unha empresa pública. Un discurso nacional populista burgués que logrou seducir unha parte importante da pequena burguesía e mesmo a burguesía galega, e resulta “competitivo” para atraer a parte do voto obreiro conservador que tradicionalmente apoiou ao PP co argumento de que “atraen ás empresas e dan traballo”.

Tan encantada está a patronal galega co BNG que o pasado mércores Pontón foi a explicar o seu programa á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), cuxo presidente, Juan Manuel Vieites, atopou nel propostas “amigables”. Días antes, cando se entrevistou con Besteiro, Vieites xa dixera que non teme unha Xunta de esquerdas e ratificouno tras verse con Pontón: “Benvido sexa o Goberno que veña”. Como di o axioma xurídico, “A confesión de parte, substitución de probas”.

Os últimos factores que benefician ao BNG son que non tocou goberno en 15 anos e por tanto o desgaste e a memoria é case nula. Ademais, recibiu o apoio das principais medidas figuras da esquerda galega, española e mesmo internacional (o centroesquerdista Pepe Mujica, ex presidente de Uruguai, pediu o voto galego exterior para o BNG). Á súa vez, orquestraron unha campaña en redes orientada a cada sector, dunha calidade moi superior á de outros partidos, e moi atractiva aos mozos.

En resumo, aínda que se queira presentar como un proxecto popular e de esquerdas, o éxito electoral do BNG débese fundamentalmente a un xiro á moderación e ao goberno dos asuntos da burguesía -que xa viña expresando estatalmente co seu apoio ás investiduras de Pedro Sánchez en 2020 e 2024 a cambio de dádivas e recursos para Galicia, como a creación dun servizo de proximidade ferroviarias. Unha orientación análoga á que vemos en ERC en Catalunya ou EH-Bildu en Euskadi. A posibilidade dun pacto de goberno entre o BNG e o PSdG, sobre o cal ninguén ten dúbidas no caso de que o PP perda a Xunta, é expresión desta política de conciliación de clases.


PSdG, Sumar e Podemos, centrados nas “bondades” do goberno central


Por detrás do BNG, coas súas evidentes diferenzas, as campañas electorais destes partidos centráronse en defender que un goberno “progresista” en Galicia sería desexable, porque as súas políticas acadaron dereitos no goberno central. Destes só o PSdG ten asegurada a súa presenza no Parlamento galego, aínda que todas as enquisas sitúano moi lonxe doutros momentos en que se presentaba como alternativa ao PP, como entre 2005 e 2009. En toda a campaña non houbo unha soa crítica dos socialistas ao BNG, máis que reivindicar a súa maior experiencia de xestión. O “voto útil” destas eleccións contra o PP está inclinado claramente cara ao partido liderado por Ana Pontón, polo que o PSdG coidouse de non entrar en debate para non espantar a parte do electorado que oscila entre ambas as formacións.

O antigo espazo neorreformista de En Marea, que integraba a Anova, Podemos e Esquerda Unida, quedou sen ningunha representación nas eleccións de 2020. E nestas eleccións, debilitados e presentándose por separado teñen aínda menos probabilidades de conseguir algún escano.

No caso de Sumar, que presentou a Marta Lois, centrou a súa campaña en defender as medidas tomadas por Yolanda Díaz como ministra de Traballo (a reforma laboral, o aumento do salario mínimo, etc.), así como outras medidas de difícil aplicación, como a creación dun metro nas áreas metropolitanas de Vigo e Galicia, obras que dependerían do financiamento estatal. Pero o que se quere presentar como mérito -a participación no Goberno central-, é visto por amplos sectores como un demérito. En especial a reivindicación da reforma laboral, que mantivo o esencial das contrarreformas anteriores do PSOE e o PP, e contra a cal o BNG estivo abertamente en contra.

Pola súa banda Isabel Faraldo, de Podemos, comezou a súa campaña accidentalmente, xa que dentro de Podemos expresáronse posicións diverxentes tras a ruptura con Sumar (Pablo Iglesias chamando dende “Canal Red” a votar polo BNG, mentres Ione Belarre promovíaa como candidata). Partindo dun mal comezo, Fajardo tomou un perfil “activista”, centrándose en defender medidas de carácter ecoloxista, reivindicando as mobilizacións en contra dos macroparques eólicos, e retomando o vello discurso “anti-casta” de Podemos. Pero o seu discurso é pouco crible. Despois de que Podemos tomase enormes responsabilidades executivas no anterior Goberno de coalición e fóra un xestor “razoable” do capitalismo español, a clase traballadora galega non compra o discurso. Ademais, perdendo toda representación hai 4 anos, e sen o apoio dos seus socios, e nin sequera do fundador do seu partido non se espera que consigan máis dun 0,5 ou 0,8 % de voto.


É preciso construír unha alternativa de clase, anticapitalista e socialista


Aínda que o aumento do voto ao BNG é unha expresión da oposición de amplos sectores populares a 15 anos de dominio do PP, de políticas neoliberais, ataques aos servizos públicos, suba do paro e a pobreza, corrupción e catástrofes ambientais, dende a CRT non temos ningunha confianza nun posíbel novo goberno do BNG (que tería que pactar case con seguridade cos social liberais do PSdG) e nas súas promesas electorais que buscan conciliar as demandas da clase traballadora cos intereses da burguesía galega.

Tampouco consideramos que as distintas candidaturas neorreformistas como Sumar ou Podemos, que sosteñen ao Goberno de coalición co PSOE (xa sexa dentro ou fóra do consello de ministros) aplicando un programa neoliberal “progresista”, sexan unha alternativa para a clase traballadora.

Ante o crecemento da dereita e a extrema dereita, alimentado polas políticas de dereita do goberno do PSOE e Unidas Podemos primeiro, e con Sumar despois, en ambos os casos apoiados polo BNG, cremos que non serve o “mal menor” que subordina os intereses da clase traballadora e os sectores populares aos capitalistas.

É precisa unha perspectiva de independencia de clase, construír unha alternativa política e organizativa baseada na forza da clase traballadora, as mulleres e a mocidade, que poña no centro a loita de clases e un programa para conquistar todas as nosas reivindicacións. Porque somos conscientes de que os dereitos acadaranse e manteranse mediante a loita de clases e a mobilización, e non cun goberno que non dubidará en incumprir as súas promesas no intre no que entren en contradición cos intereses empresariais.

Sabemos que é unha tarefa difícil e hai moitas esperanzas depositadas no BNG como unha vía para lograr algunhas das demandas máis sentidas da clase traballadora, pero non cremos que un apoio político a un proxecto así contribúa a esta tarefa. Por iso nestas eleccións estamos polo voto nulo ou a abstención. É preciso construír unha alternativa política e social “dende abaixo”, cun programa de clase, anticapitalista e socialista. Esta alternativa aínda non existe, pero todos os esforzos da CRT están postos en avanzar nesa perspectiva. As próximas eleccións europeas son un terreo no que estamos a explorar as posibilidades dunha candidatura unitaria da esquerda revolucionaria, anticapitalista e socialista que propoña un programa de clase contra o avance da dereita e o neoliberalismo progresista.