×
×
Red Internacional
lid bot

Galiza. Eleccións en Galiza: bancarrota da “nova” esquerda e renacemento do nacionalismo galego

O 5 de abril terán lugar as eleccións autonómicas galegas nun marco político moi diferente á anterior cita electoral hai xa catro anos.

Jacobo A. García

Jacobo A. García @Jacobscarface

Roi López

Roi López @RoiLopez16

Martes 25 de febrero de 2020

Ana Pontón, líder do BNG, na manifestación polo Día dá Patria Galega o pasado 25 de xullo. Foto: BNG

En 2016 escribiamos sobre o crecemento do neorreformismo en Galiza, integrado por Podemos, Esquerda Unida e Anova (“En Marea”). A “nova” esquerda foi capaz de conquistar o goberno das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol coas súas promesas de remunicipalización, vivenda e políticas sociais, as cales incumpriron sistematicamente e o que levou á perda do goberno nas municipais de 2019.

Este fracaso precipitou as loitas internas e rematou por facer estoupar “En Marea” co sector de Luís Villares presentándose ás eleccións xerais do 2019 pola súa conta e levándoos a outro estrepitoso fracaso, o que culminou coa súa renuncia para seguir participando en política, aparentemente en forma definitiva. Dende a agrupación declararon que non se presentarán a estas eleccións para “non contribuír a aumentar a fragmentación da esquerda en Galicia”.

Deste xeito, o que foi o partido instrumental de “En Marea”, integrado por Podemos, Anova, Esquerda Unida e figuras “independentes” das coalicións municipais, rematou por disolverse completamente. Para estas eleccións Podemos, Esquerda Unida e Anova presentaranse co nome de “Galicia en Común”, alcanzando un acordo “in extremis” o venres 21 onde se repartían os postos das listas, cun 55 % para os dous primeiros e un 45 % para Anova.

Anova ten a súa propia crise interna que a levou a tomar a decisión de non presentarse ás anteriores eleccións xerais, ao terse situado en lume cruzado entre Unidas Podemos e o grupo de Luís Villares na crise de “En Marea”. Pero para esta ocasión, as loitas de poder (e de asentos) deixaron paso a unha reeditada “unidade” da esquerda, ante as nefastas expectativas electorais. As sondaxes máis optimistas dan ao neorreformismo unha porcentaxe próxima ao 10 % e unha notable perda de deputados, ata situarse entre os 5 e os 7, moi por baixo dos 14 que obtiveron nas anteriores eleccións onde foron segunda forza e superaron ao PSG-PSOE.

O desencanto neorreformista

Centos de milleiros de persoas confiaron nestes partidos para botar ao PP dos gobernos locais e da Xunta de Galicia e construír unha “nova” política, máis “democrática” e “honesta”, para rematar cos recortes sociais e recuperar os nosos dereitos. Pero a resposta de Anova, Podemos, Esquerda Unida e aliados non foi máis que a defensa da orde e o sistema capitalistas, falsas promesas e mesmo paus (como no caso do Centro Social A Insumisa na Coruña onde o goberno mandou á policía para desaloxar).

Este desencanto vese acentuado pola entrada de Unidas Podemos ao goberno do Estado español, da man da pata esquerda do Réxime do 78, o PSOE. Cada unha das capitulacións que fai Podemos no Estado non fan máis que desmoralizar aos seus votantes, tamén en Galiza.

A vergoñosa actuación de Podemos en materia de memoria histórica, a renuncia a rematar coas reformas laborais de Zapatero e Rajoy, a capitulación diante da gran patronal do xogo, etc., non fan máis que convencer aos seus votantes de que non lles volvan dar o seu apoio.

E é xustamente en relación coa desilusión xerada polo neorreformismo onde pode rexurdir un vello axente reformista, que é visto agora por moitos como unha opción máis “de esquerda”, o BNG.

Rexurdimento do nacionalismo galego e estabilidade na dereita

As enquisas danlle ao BNG, tras moitos anos de perda de votos, unha porcentaxe de entre un 16% e 18% dos votos, o mellor resultado en décadas, podendo chegar aos 13 ou 14 escanos fronte aos 6 que ten actualmente. O PSOE sería segunda forza, véndose tamén beneficiado da bancarrota de Podemos, Anova e EU e superando o 24 % do voto en todas as sondaxes.

A cuestión territorial tivo e ten moita importancia para entender o desastre do neorreformismo e o auxe do vello reformismo do BNG, entre outras razóns. Diante dunha política territorial que varía entre a indeterminación e a defensa acérrima da legalidade burguesa, sumado ao apoio de reducir o financiamento a Galicia pola maior parte dos deputados de “En Marea” hai agora un ano, entre outras decisións, os votantes buscan alternativas que defendan o dereito de autodeterminación. O BNG móstrase desta forma como o único partido no escenario parlamentario galego que defende este dereito, aínda que tamén expresa ser un bo negociador co Estado para recibir máis investimento estatal e di conseguir un “bo” acordo co goberno central. Un acordo baseado en subsidios e baixadas de impostos a grandes empresas que pouco ou nada beneficia á clase traballadora.

O PP galego repetiría, segundo as enquisas, o primeiro posto con maioría absoluta en case todas as sondaxes, véndose reforzado unha vez máis polo seu dirixente Feijóo, o cal mesmo se desvincula das siglas do seu partido, tanto na propaganda electoral como en comparecencias. “Non serei refén de ningún partido, nin sequera do meu”, chegou a dicir nun recente mítin para así xustificar a súa negativa á coalición con Cidadáns, aínda que si aceptou meter candidatos na súa lista pechada.

A pesar diso, os profundos recortes en Sanidade e a falta de políticas sociais que traten os problemas económicos do pobo galego, unido á nefasta fama do PP estatal polo seu endémica corrupción, inflúen nunha posible e lixeira perda de votos.

Vox, en cambio, teno moi difícil para entrar no parlamento ao estar case seguro por debaixo da barreira electoral do 5%.

Conformismo e xestión “amable” do capitalismo

Como vimos, todos os partidos galegos de esquerda con representación parlamentaria non expoñen en ningún caso a ruptura co sistema capitalista e optan por xestionar as institucións do xeito “menos malo” posíbel.

Xa sexa defendendo o actual estado autonómico ou cunha óptica independentista, todos se adaptan ás dinámicas do parlamentarismo burgués con promesas e discursos insuficientes. Ademais, demostráronnos que nin sequera son capaces de acadar os seus pequenos obxectivos, como no caso dos gobernos municipais que non cumpriron coas súas promesas de vivenda pública e na maior parte dos casos non só non remunicipalizaron os servizos se non que seguiron contratando ás mesmas empresas corruptas e explotadoras.

O rol de neorreformismo tamén foi e é cada vez máis o de apagalumes da loita obreira e social, en unión coas burocracias sindicais. Téntase baleirar a rúa, como se demostra coa non convocatoria de folga o 8 M este ano.

Para enfrontar os ataques que continúan por parte da patronal e a inacción e complicidade do goberno estatal, é precisa máis que nunca, tamén en Galicia, unha mobilización independente da clase traballadora e os movementos sociais en defensa de todas as súas demandas históricas. Gañe quen gañe as eleccións en Galicia, as rúas non se deben baleirar e agardar a que a centro-esquerda cumpra as súas promesas.

Ao mesmo tempo, loitar pola construción dunha alternativa política obreira e anticapitalista que sexa capaz unir e impulsar a loita de clases, si é un obxectivo político que paga a pena.