As eleccións galegas do 12 de Xullo deron unha amarga “certeza”, a reedición da maioría absoluta para o PPdG; unha gran “sorpresa”, a suba histórica do BNG, e un “segredo a voces”, o afundimento total do neorreformismo, con Galicia en Común (Podemos, EU e Anova) sen obter ningunha representación.
Miércoles 15 de julio de 2020
En canto aos datos de participación, aínda temos que tomalos con cautela, xa que faltan por contabilizar os votos das persoas emigradas, que adoitan ter unha participación moito menor, polo que os datos de participación con respecto a todas as persoas con dereito a voto, non soamente os que residen en Galiza, pode que ofrezan un resultado menor que o 58,88 % que agora coñecemos. Sen contar cos votos do estranxeiro nas eleccións do 2016 un 63,75 % da poboación en Galicia realizou o seu dereito ao voto, o que acabou sendo un 53,63 % contabilizando os votos da emigración. Así, podemos dicir que, polo menos, a participación baixou en Galicia ao redor de 5 puntos.
En gran medida isto é así debido á situación de pandemia na que vivimos, cun rebrote que fixo confinar A Mariña, o que desembocou nun aumento da abstención maior nas cidades galegas, onde hai máis poboación e risco de contaxio, e tamén máis votantes de esquerdas. Así a abstención aumentou de entre 4,26 puntos en Santiago de Compostela ata 7,62 puntos en Ourense.
O Partido Popular de Galicia reeditou os seus 41 escanos, moi por encima dos 38 necesarios para a maioría absoluta, á espera do voto no exterior que pode darlle un escano máis, e obtivo o 47,98 % dos votos. O BNG obtivo un 23,8 % dos votos, o seu segundo mellor porcentaxe de voto na historia, e 19 escanos, o mellor resultado en representación electoral do BNG na súa historia. O PSdG, quedou en 19,38 % e 15 escanos, un resultado mediocre con tan só un escano máis que nos anteriores comicios.
A Coalición Galicia en Común, con presenza de Podemos, Esquerda Unida e Anova, ademais dalgunhas “mareas locais”, non chegou ao 5 % necesario para obter representación electoral, quedándose nun 3,98 %. Un descenso espectacular considerando que nas eleccións do 2016 conseguira ser segunda forza en votos e igualar ao PSOE con 14 escanos. Así, péchase o ciclo do metabolismo rápido do neorreformismo galego, que xurdiu de súpeto, creceu rápido, adaptouse rápido ao Réxime e renunciou ao seu limitado programa reformista a un ritmo acelerado, ata morrer dunha forma igual de espectacular, vítima do desencanto da súa base electoral.
A extrema dereita de Vox tamén quedou fóra cun 2 % dos votos, un resultado moi similar ao de Euskadi, onde si que conseguiu un escano ao non ter a barreira do 5 % do voto no seu sistema electoral. Partidos como Marea Galeguista ou Cidadáns, que pretendían obter representación nestes comicios quedaron tamén fóra cunha porcentaxe de voto moi baixo, inferior ao 1 %.
Despois da vitoria de Feijóo, a noticia de peso nestas eleccións é o enorme auxe do BNG, coa súa candidata Ana Pontón á cabeza. Desde o noso punto de vista, o auxe do BNG responde a dous elementos contraditorios. Por unha banda, o electorado máis de esquerda, que primeiro abandonou o PSOE e o BNG polos súas corruptelas e por ser “vella política”, ilusionado do novo proxecto neorreformista hai 4 anos, viuse decepcionado pola moderación e a renuncia de principios. Deste xeito para esta parte do electorado o BNG, con forza no movemento obreiro controlando a principal central sindical, a CIG, representa unha “volta ao social”, con moitas comiñas, onde a loita obreira e social pode chegar a ter máis peso. O BNG é así visto como un partido programáticamente máis íntegro. Ademais, considérase que desde o punto de vista nacional, foi capaz de negociar mellor e “conseguir máis para Galiza”, mediante o seu apoio ao goberno central.
Pero, por outra banda, o BNG tamén foi capaz de capturar a sectores de centro, clases medias e pequenos propietarios, que ven con bos ollos a idea de que o BNG poida obter un financiamento máis favorable para Galiza presionando ao goberno central, poida baixar os impostos ás empresas que realizan a súa actividade en Galicia, rebaixar o prezo da electricidade para empresas electrointensivas, “defendendo” así postos de traballo como os de Alcoa. Entre outras medidas que afastan ao BNG do seu ideario dos inicios máis anticapitalista, para levalo a un frentepopulismo nacionalista, con posicións similares a ERC no seu programa económico, pero conservando elementos máis combativos e de loita social, como fai Bildu en Euskadi na actualidade.
Ante o fracaso rotundo do neorreformismo españolista representado por Podemos, EU e Anova, e o crecemento da versión soberanista dun proxecto igualmente neorreformista que representa o BNG, é preciso avanzar na construción dunha alternativa política anticapitalista e revolucionaria da clase traballadora, as mulleres e a mocidade.