×
×
Red Internacional
lid bot

DECLARACIÓN CONTRACORRENTE GALIZA. Folga estudantil na Galiza 16 A: impulsemos a auto-organización para que ninguén fique atrás

Este 16 de Abril foi convocada por ANEGA unha folga estudantil nas tres universidades galegas ante a situación excepcional provocada pola pandemia. Apoiamos a convocatoria pero consideramos que para que sexa efectiva é precisa a organización masiva do estudantado en asembleas virtuais que elixan democraticamente as súas demandas e os seus métodos de loita.

Miércoles 15 de abril de 2020

Unha “normalidade” cínica e insolidaria cara aos estudantes

Entre as primeiras medidas tomadas polo goberno estivo o peche de todos os centros educativos para evitar a expansión da enfermidade. Con todo, non se tivo en conta a opinión dos estudantes, o persoal docente e investigador e do conxunto da comunidade universitaria para adaptar o curso a estas novas circunstancias.

As clases continuaron a realizarse online, as prácticas están a impartirse de xeito deficiente, existe unha enorme sobrecarga de traballo e os métodos de avaliación seguen sen estar claros, o que preocupa ao estudantado. Todas as carencias e problemas do sistema educativo e das universidades móstranse moito máis nesta situación crítica.

Nesta enorme crise económica que nos tocou vivir, con millóns que perderon os seus empregos e viron reducido os seus ingresos, e decenas de miles de mortos, a dirección das universidades pretende que os contidos e a avaliación das materias non se modifiquen, coma se nada acontecera.

Esta situación agudiza as desigualdades sociais entre os estudantes. Hai estudantes que non teñen boa conexión a internet, non dispoñen dun computador a tempo completo, lugares de estudo axeitados, eran traballadores precarios e foron despedidos ou enfrontan situacións familiares adversas, con mortos ou “feridos” economicamente por esta crise. En definitiva; teñen máis preocupacións que as estritamente académicas, como a súa saúde e a dos seus seres queridos.

Dende o comezo da crise a casta universitaria de reitores e decanos estivo a tomar decisións a porta pechada sen consultar aos estudantes. Na universidade de Vigo isto é particularmente indignante xa que rematou saíndo no Faro de Vigo que os estudantes rexeitaban o aprobado xeral, cando en ningún casos foron consultados. A opinión do estudantado non era máis que a opinión persoal dun representante estudantil do CEUVI, o Consello Estudantil da Universidade de Vigo. Isto xerou unha fonda indignación entre os e as estudantes que están a empezar a agruparse en grupos telemáticos e a organizar asembleas virtuais (como acontece na Facultade de Bioloxía) para decidir cales son as súas demandas conxuntas e que métodos usar para conseguilas.

Organicémonos milleiros para realizar unha folga verdadeiramente efectiva

Neste contexto, ANEGA convocou unha folga estudantil indefinida a partir deste xoves 16 de Abril con dous obxectivos centrais: a anulación do curso académico e o aprobado xeral. Nós, desde Contracorrente Galiza apoiamos esta folga e considerámola unha ferramenta para que o estudantado loite polos seus dereitos, pero estamos en contra do método de convocatoria, sen consultar a outras organizacións nin promover a organización estudantil. Tampouco apoiamos que se finalice o curso porque consideramos que a universidade pode e debe ser posta ao servizo dos intereses sociais e queremos seguir recibindo formación académica.

Por outra banda tamén loitamos para que non haxa ningún suspenso e que se manteñan as notas do expediente para non prexudicar a ningún estudante. Pero pensamos que isto non é dabondo. Esiximos a devolución do importe íntegro da matrícula deste curso e o mantemento de todas as bolsas e axudas, ademais da creación dunha axuda de emerxencia para todos os estudantes en situación de necesidade económica. Consideramos que é necesario adaptar os contidos, reducindo a carga lectiva e deixando claros os métodos de avaliación. Pedimos a disposición gratuíta de recursos online necesarios como libros, manuais, material audiovisual, etc.

Mais consideramos que as decisións deben de ser tomadas democraticamente por asembleas estudantís virtuais por cada aula, que elixan a 2 representantes revogables. Coa perspectiva de que estes representantes únanse se coordinen entre eles e con representantes do persoal docente e investigador e dos traballadores non docentes da universidade para a creación de comités de crisis que poidan facer fronte aos problemas que afectan a toda a comunidade universitaria.

Para que a folga sexa efectiva debe incorporar os reclamos maioritarios da comunidade universitaria e debe xeneralizarse a auto-organización. Só deste xeito poderá o estudantado ter a forza precisa para gañarlle o pulso á casta universitaria e ao goberno. O Ministerio de Universidades estivo desaparecido durante toda esta crise e non ofreceu ningunha solución aos graves problemas que nos afectan. Para dar o seu brazo para torcer será precisa unha loita estudantil que implique a milleiros.

Por outra banda consideramos que a universidade non está a destinar todo o seu potencial material e humano para axudar á resolución da crise sanitaria. E isto é así porque se seguen defendendo desde os Consellos Sociais das universidades, dirixidos por políticos e empresarios, os intereses das empresas por riba dos intereses do conxunto da sociedade. Con 1 millón e medio de alumnos e alumnas, 120.000 docentes e 25.000 investigadores a universidade podería ofrecer o coñecemento preciso para a reconversión da economía e a industria, así como a realización de servizos sociais nesta situación de crise.

Os estudantes das facultades de enxeñería poderían achegar á reconversión da industria (como a fabricación de respiradores), os estudantes das ramas da saúde poderían ser capacitados para a realización de test, os estudantes de educación social e psicoloxía poderían ofrecer apoio psicolóxico a persoas e familias que perdesen a seres queridos, os estudantes de dereitos e relacións laborais poderían colaborar nos labores sindicais para defender os dereitos das e os traballadores cuxos laborais están a ser vulnerados. Os estudantes de FP deberían de ter prácticas remuneradas, e recibir formación destinada a achegar o seu traballo para resolver esta crise. Estes son só algúns exemplos do enorme potencial que hai neste senso.
Unha e outra vez repítennos que a universidade debe prepararnos para o mundo real. Así xustifican que nos preparen para ser explotados en empresas que destinan a súa investigación unicamente a aumentar os seus beneficios, non a mellorar a vida das persoas.

Nós dicimos: o mundo real é no que centos de millóns de persoas permanecen sen poder saír das súas casas, aumenta a pobreza e millóns ven vulnerados os seus dereitos debido a unha traxedia evitable. Porque no canto de intervir as farmacéuticas, laboratorios e a sanidade privada para garantir test masivos e medidas de protección adecuadas para todos, os gobernos de todo o mundo preferiron defender os beneficios dos capitalistas, obrigando a traballar durante semanas a millóns de traballadores en actividades non esenciais e salvando a grandes bancos e empresas.

Neste sentido nós pedimos que se faga pública e accesible a toda a poboación unha relación dos recursos da Universidade e que se liberen todas as patentes e os resultados das investigacións que están agora mesmo en mans das empresas privadas. Non queremos unha universidade neoliberal ao servizo dos intereses empresariais, que non ten en conta a opinión dos seus propios traballadores e estudantes. Queremos unha universidade ao servizo do pobo traballador. Porque a nosa vida valen moito máis que os seus beneficios.

Por asembleas virtuais en todas as aulas!
Ninguén fica atrás: nin un só suspenso, devolución das matrículas!
Por unha folga eficaz e masiva que asuma todas as demandas estudantís!
Loitemos por unha universidade ao servizo do pobo traballador!