×
×
Red Internacional
lid bot

Galiza. Os traballadores de Alcoa en folga indefinida polos seus postos de traballo

Alcoa négase a vender a factoría e pretende despedir a máis de 500 traballadores, algo que non aconteceu aínda grazas á resistencia dos seus traballadores e traballadoras.

Miércoles 7 de octubre de 2020

Despois de meses (o 28 de Maio a empresa anunciou o ERE) de mobilizacións de todo tipo, dende folgas, cortes de estradas, manifestacións, peches… e de sucesivas ameazas de despedimento que foron pospostas grazas á loita, agora a Xunta de Galicia e o goberno central comprométense a forzar a venda a Liberty House. Non está claro cando nin como, e se isto vai suceder.

A folga

A folga decidiuse en asemblea, despois de producirse bloqueos dos accesos da fábrica por parte dos traballadores, en protesta pola decisión de Alcoa de non vender a factoría ao grupo Liberty House, nin á SEPI (Sociedade Española de Participacións Industriais). Na fábrica hai ao redor de 1.100 traballadores, ao redor de 500 na produción de alúmina e uns 600 na produción de aluminio primario, onde a empresa pretende realizar un despedimento colectivo a 534. Meses despois o único que ofrece a patronal é un ERTE, algo que o comité de empresa non está disposto a aceptar.

Máis de 2.000 traballadores, entre directos e empresas auxiliares, comezaron o domingo 4 de Outubro a folga indefinida ás 6 da mañá. As plantas de aluminio e de alúmina continúan operando cos servizos mínimos que foron pactados inicialmente entre o comité e a dirección por 48 horas. Ao redor de cen empregados, aproximadamente o 50 % do persoal, seguen realizando en cada quenda as prestacións esenciais para que as cubas sigan funcionando.

Decenas de traballadores e familiares concentráronse ese mediodía no campamento montado no exterior da factoría de Cervo, activo as 24 horas, onde se controla que só entren suministros. «Non se produce nada que non sexa para refundir, a produción está parada», explicaba o presidente do comité, José Antonio Zan (CC. OO.). Permítese, con todo, a saída de produtos esenciais para farmacias e depuradoras.

A negociación entre Alcoa, o comité de empresa, a Xunta e o Goberno central

O 13 de outubro expira o prazo que ten Alcoa para comunicar o que vai facer en relación co ERE. Para Xosé Paleo (CIG) e Diego Ballesteros (UXT) só hai dúas opcións. A primeira sería que Alcoa aceptase finalmente vender a planta ao Goberno central a través da SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) para despois ser posiblemente a filial británica Liberty House, pertencente ao grupo GFG Alliance, que mostrou interese pola fábrica e ofreceu un proxecto de 1.000 millóns de euros para modernizar a fábrica que inclúe as enerxías renovables. A segunda sería que o Estado interviñese, nacionalizase ou expropiase a planta durante un tempo determinado, no caso de que Alcoa non acceda á venda, para ser despois vendida a Liberty House ou outra empresa interesada.

Goberno central e Xunta de Galicia defenden agora a necesidade de acudir á vía xudicial para parar o despedimento colectivo e garantir a continuidade da produción de aluminio primario en San Cibrao. Producíronse varias reunións neste sentido, a máis importante o martes 6 de Outubro pola tarde onde as administracións recalcan o seu compromiso, pero onde non se concretan os detalles da operación, nin cando se vai a actuar.

É destacable como o secretario xeral do Ministerio de Industria, Raúl Blanco, mentres mantiña un encontro co conselleiro Francisco Conde e con representantes sindicais de Alcoa, chegou a afirmar que mesmo “se lle pedirá a Alcoa que devolva todas as axudas públicas recibidas no caso de que existan evidencias dalgún tipo de incumprimento” en materia laboral ou ambiental. Sorprende esta afirmación despois de décadas de subvencións públicas durante gobernos tanto do PP como do PSOE. Non parece que agora vaia a ser distinto. Todo indica que a nacionalización da fábrica de San Cibrao, se se produce, vai ser cun gran custo para o Estado, e será un excelente negocio para a nova empresa propietaria.

Nacionalización sen indemnización baixo control obreiro

Alcoa comprou a empresa pública Inespal en 1998 por tan só 383 millóns de euros, que entón contaba con 4.674 traballadores e dez fábricas, das que só quedan hoxe abertas tres: A Coruña, Avilés e San Cibrao, sendo Alcoa só propietaria da última. Non puxo un só euro dos 400 millóns que prometeran investir na modernización das instalacións e entre 1998 e 2011 tivo uns beneficios de 1.500 millóns de euros. Entre 2008 e 2018 aforráronse 1.000 millóns de euros en beneficios fiscais, pagaron a enerxía a 4 céntimos por quilowatt/hora, fronte aos 9 da industria ou os 23 que pagamos os traballadores.

Ademais, debemos lembrar que Parter Capital Group non cumpriu a súa promesa ao comprar as factorías de Avilés e A Coruña o ano pasado: transformar a estes centros en líderes na produción de aceiro secundario para a automoción e a aviación e manter todos os postos de traballo como mínimo ata xullo de 2021. Un mes despois de adquirir os centros, comezou a negociar a venda destes centros ao Grupo Industrial Risco, que non pretende máis que desmantelar a produción paulatinamente e sacar o maior beneficio no menor tempo posible.

Por iso os traballadores non poden depositar as súas confianzas nas falsas promesas en empresas privadas. A historia neste sentido sempre se repite, con consecuencias nefastas para os traballadores do sector, e para o conxunto da clase traballadora, que temos que pagar as perdas que sempre asume o Estado. Por iso, agora máis que nunca, é preciso loitar pola nacionalización sen indemnización da fábrica e posta da produción baixo a xestión dos seus traballadores. Esta é a única forma de que se garante o investimento necesario para modernizar a fábrica e facela menos contaminante, á vez que se manteñen ou se aumentan os postos de traballo. A única forma de que decenas de miles de persoas que viven a comarca da Mariña, e dependen indirectamente deste sector, non sexan condenados á miseria.