×
×
Red Internacional
lid bot

UNIVERSIDADE. Quen gaña nas eleccións ao rectorado da Universidade de Vigo?

O 23 de abril hai eleccións ao reitorado e ao claustro, así como a outras institucións universitarias. Tanto Emilio Fernández como Manuel Reigosa propoñen continuar co actual sistema universitario antidemocrático, e promoven a inxerencia dos intereses privados na Universidade.

Jueves 19 de abril de 2018

Ademais de reitorado e o claustro, o 23 deste mes tamén haberá urnas para elixir os representantes aos consellos de departamento e representantes ao comité internacional da escola internacional de doutoramentos.

Poderíase dicir que a Universidade de Vigo está a piques de renovar as súas institucións democraticamente, pero que renovación exponse, e que pode ter esta elección de democrática realmente?

O candidato “oficialista”, polas lista “Ideas que suman”, é Emilio Fernández Suárez, director do “Campus do Mar”, con financiamento público-privado, e catedrático en Ecoloxía. Foi director xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta, de 2005 a 2008, co goberno bipartito de PSOE e BNG.

Gozou dun posto de responsabilidade nun goberno de “esquerdas”, pero promocionou o Plan Bolonia. Un plan, que como sabemos tivo graves consecuencias, como o aumento do custo dos estudos, a progresiva elitización e privatización da universidade, e a perda da xa deficiente “democracia universitaria”, incorporándose “Consellos Sociais”, con presenza de políticos e empresarios.

Hai pouco Emilio Fernández afirmou: "Somos continuistas, pero do ben feito por todos", que non cre que os “investigadores teñan que ter unha praza asegurada”, ou que manterá como prioridade o teito de déficit da universidade. En definitiva, proponse continuar coa política do goberno da Universidade de Vigo que permite a precarización coas subcontratas de servizos e utiliza o superávit da institución para a colaboración “público-privada”, mentres hai estudantes que non se poden custear os seus estudos, ou investigadores que non cobran.

Por outra banda, entre a lista de persoas que lle apoian figuran antigos membros da oposición. Apoian a súa candidatura ex reitores como Alberto Gago, do seu mesma lista “oficialista”, e José Antonio Rodríguez Vázquez, no seu día do grupo opositor.

Participan tamén os candidatos que perderon contra o actual reitor ( Salustiano Mato), Jaime Cabeza, e contra Alberto Gago, José Luis Legido. Non sorprende que isto sexa así coñecendo como se desenvolveu a anterior elección. Salustiano Mato foi “reelixido” en 2014 sendo o único candidato e coa participación máis baixa da historia, con tan só 751 votos a favor, 908 votos en branco e 291 votos nulos. Cunha participación menor do 8%, o actual reitor só tivo o apoio dun 3% da comunidade universitaria.

O outro candidato para o 23 de abril é Manuel Reigosa, pola lista “Horizonte 2040”, que xa foi vicerreitor desde 2005 a 2008, tamén durante o goberno bipartito. Tamén permitiu e promocionou de preto a implantación de Bolonia, que opuxo unha firme loita estudantil. Aínda que pretende dar unha imaxe de renovación, o certo é que o seu proxecto tampouco pasa por reverter os recortes ou democratizar a universidade.

En recentes declaracións, mentres criticou o “escaso financiamento” das universidades públicas defendeu un sistema de financiamento competitivo por resultados. Un sistema que aumenta as desigualdades e favorece a privatización da universidade. O goberno reduce drasticamente o investimento público en investigación e educación superior, á vez que forza ás universidades para pelexar polo financiamento. Así, as universidades cada vez máis recorren ao financiamento privado, o que remata por dirixir a investigación cara aos intereses económicos de certas empresas.

Propón incrementar a contratación de profesores, investigadores e persoal administrativo e de servizos, debido á “ poquísima incorporación de xente nova, tanto de PAS como PDI". Criticou a política "de ladrillo" do actual equipo de goberno con respecto aos catro novos edificios proxectados, pero anunciou que "se respectarán os compromisos" aínda que se estudarán modificacións.

Así mesmo manifestou o seu desexo de que a Universidade de Vigo “volva estar entre as mellores do mundo", e sexa "un faro de coñecemento, que incentive o emprego e a economía da súa contorna". Estas belas palabras no fondo non agochan máis que o desexo de que a Universidade de Vigo sexa atractiva para investidores privados, pero non a reversión dos recortes educativos no conxunto das universidades públicas.

Como se pode dicir que os estudantes son “actores de primeira”, cando se defende ao mesmo tempo un sistema de goberno que só lles dá o 30 % da representación? Como se pode apostar por “medidas de concialición, a igualdade, ou redución da brecha salarial, ” cando se permite a explotación laboral en subcontratas de servizos externos?

Os pequenos parches, como o aumento de bolsas propias para estudantes, que ofrece esta candidatura non responden a máis que a necesidade de lavar a cara a unha caste universitaria patriarcal. Nunha situación onde mozas de clase traballadora son expulsados da universidade cada día, nós defendemos a gratuidade dos estudos en todos os seus niveis, incluído por suposto o universitario, como única alternativa.

Doutra banda, ás eleccións do claustro universitario preséntanse varias candidaturas estudantís, entre as que destacan “ Erguer, estudantes da Galiza”, “Candidatura Unitaria Estudantil”, así como independentes. Con todo, máis de 30 prazas das 75 do alumnado no claustro, quedaron sen cubrir ante a baixa participación. Isto demostra a falta de confianza que temos os estudantes no sistema universitario, así como nos seus representantes.

Para que isto cambie é necesario impulsar un movemento estudantil combativo e democrático, onde as asembleas por centro e facultade sexan soberanas. Así como un programa contra a precariedade laboral, que inclúa a contratación directa e o control dos traballadores de servizos, loitar para reverter os ataques sufridos, dende o Plan Bolonia, a suba de taxas, a redución de bolsas e pola universidade de balde.

Doutra banda, tamén consideramos precisa a creación de comisións independentes de mulleres e LGTBI para loitar contra as agresións machistas e pola inclusión de contido de xénero e antirracista nos plans de estudo. Os que gobernan a Universidade falan de “sociedade civil” cando se refiren aos grandes capitalistas que son responsables da nosa situación de paro, precariedade e pobreza. Nós defendemos que a Universidade debe de estar ao servizo dos intereses da sociedade no seu conxunto, é dicir, da clase traballadora e os sectores oprimidos.

En definitiva, queda claro que hai unha falsa alternativa entre os distintos candidatos a reitor, e que o sistema antidemocrático universitario non garante que se exprese a opinión dos estudantes, sendo máis do 90 % da comunidade universitaria, e tendo o 30 % da representación.

Mentres a caste universitaria, xunto ao conxunto dos políticos e empresarios que gobernan a universidade, prepáranse para a súa ofensiva contra o ensino superior, nós temos unha cita de loita. Este xoves 19 de Abril haberá folga estudantil galega. Animamos a asistir á manifestación que sairá ás 12 horas desde Praza América en Vigo, para defender un ensino democrático, feminista e ao servizo da clase traballadora e o pobo.