×
×
Red Internacional
lid bot

GALIZA, SOCIEDADE. A pobreza enerxética aínda afecta a unha gran parte da poboación galega

O 16% da poboación galega, segundo o IGE, Instituto Galego de Estatística, non pode manter a súa casa a unha temperatura axeitada. A suba continuada dos prezos da electricidade, sumado ás rebaixas salariais e os recortes sufridos empeoraron a situación durante a crise económica.

Jacobo A. García

Jacobo A. García @Jacobscarface

Miércoles 14 de febrero de 2018

Aínda que nos últimos tres anos a proporción de persoas que se atopan nesta situación en Galicia diminuíu lixeiramente, os últimos datos amosan que son aínda moitas as familias galegas que non poden manter as súas vivendas a unha temperatura axeitada. En inverno, sobre todo nas súas semanas máis frías, coma as que estamos a vivir, é cando este problema é máis grave e os seus efectos devastadores.

A pobreza enerxética afecta a 442 mil persoas, o 16 % en Galicia, en función das estatísticas achegadas polo IGE, Instituto Galego de Estatística. Esta cifra tivo un máximo entre 2013 e 2014, cun 21 %, nos peores anos da crise. Entre 2007 e 2014 a factura eléctrica dun fogar medio en España se incrementara un 76% e a factura do gas natural un 35%.

A factura da luz leva dous anos experimentando novas alzas, achegándose o valor medio pagado por cada fogar en España aos 80 euros mensuais en 2015 e a comezos de 2017. Creceu un 10,7 % dende os 68, 20 euros mensuais no 2016, ata os 75,52 euros mensuais en 2017. Nos vindeiros meses os fogares galegos pagarán aínda máis polo recibo da luz, despois de que o Ministerio de Enerxía certificase a suba no recibo da luz en Galicia para compensar as eléctricas polo pago de impostos medioambientais.

Antes das eleccións municipais de 2015, a Xunta anunciou unha axuda, o tícket eléctrico, de 180 euros ao ano, cun importe algo superior para familias numerosas. Alberto Núñez Feijoo prometera que esta axuda podería axudar a 40.000 familias. A partida destinada a iste propósito foi de 2.1 millóns de euros no 2016.

Porén, finalmente o tícket eléctrico só beneficiou a 5.000 fogares. A Xunta de Galicia destinou unha parte importante dos cartos que reservara para este obxectivo a outros usos, como campañas publicitarias para promoción de emprego en plena campaña electoral, empregando só o 20% en loitar contra a pobreza enerxética. No ano 2017 o Goberno galego reduciu nun 62% a partida dedicada ao tícket eléctrico. O pasado mes de marzo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo xustificou que se deixase de usar ese 80% do orzamento en que “probablemente non había esa dificultade de pobreza enerxética que inicialmente tiñamos prevista”.

Outra vez máis asistimos ao cinismo do goberno galego, que contrasta cos datos obxectivos. Parece que para Feijóo e o partido popular hai 437.000 familias que pasan frío na casa que non precisan ningunha axuda para pagar a factura da luz e a calefacción. Pero o certo é que o Estado español é o terceiro país coa electricidade más cara do mundo, ao tempo que é onde maior desigualdade económica existe na Unión Europea. Todos os anos vemos como hai múltiples mortos e feridos por quentarse de xeito precario con fogueiras na casa, ou caldeiras de gas.

O oligopolio das compañías eléctricas, privatizadas nos sucesivos gobernos do PSOE e do PP dende a fundación do Réxime do 78, é o culpábel desta situación. A compra de vontades resulta evidente,

cando vemos a ex-presidentes e cargos políticos sentados nos consellos de administración das grandes empresas que axudaron a privatizar.

Xunto coa suba dos alugueres, que afectan ao 20 % dos fogares nas grandes cidades, os desafiuzamentos que se seguen a producir incluso coa “recuperación económica”, e o aumento da precariedade laboral, así como a baixa dos soldos, a pobreza enerxética é unha situación máis que mostra como a “recuperación” económica das elites capitalistas descansa sobre os ombros e o sufrimento da clase traballadora e os sectores oprimidos.

Máis que nunca, é preciso unha gran mobilización social que impoña un programa para que a crise a paguen os capitalistas. Propomos a nacionalización dos sectores estratéxicos como a enerxía, para satisfacer todas as necesidades e desenvolver un camiño de transición cara enerxías renovables, a expropiación dos pisos á banca para a creación dun parque de vivendas de aluguer social, e o reparto de horas de traballo, xunto coa suba do salario mínimo para que todo o pobo traballador poda satisfacer todas as súas necesidades.