×
×
Red Internacional
lid bot

Continúa a folga indefinida dos condutores de autobús de Vitrasa en Vigo

Os traballadores de Vitrasa seguen a realizar accións esta semana para defender as súas demandas. A empresa acusa os membros do Comité de empresa de ter “intereses persoais” e négase a negociar. O Concello de Vigo despreza aos traballadores e non exerce ningún tipo de presión contra a concesionaria dos autobuses urbanos.

Miércoles 20 de diciembre de 2023

Desde que escribimos o último artigo, os traballadores continuaron a facer manifestacións e concentracións en distintos lugares da cidade 4 veces por semana. Cortando as principais vías de tránsito no centro da cidade e concentrándose diante do Concello de Vigo unha vez por semana. Estas accións continuarán durante polo menos todas as festividades do Nadal, xa que a empresa non está a dar unha verdadeira oferta aceptable aos traballadores en loita.

O mércores da semana pasada tentáronse realizar avances na mesa de negociación, pero non foi posible xa que a empresa négase a quitar as sancións de emprego e soldo aos 9 membros do Comité e 3 traballadores máis. Esta é unha das condicións indispensábeis. Achegamos aquí a nota de prensa do Comité de empresa explicando esta situación.



Nunha recente entrevista para para o Faro de Vigo Carlos González Lozano, director xeral de Vitrasa declaraba que había intereses “políticos” e “persoais” por parte de membros do Comité de empresa, e que se se paraba a folga eliminarían as sancións individuais. Claramente, aínda que iso fose certo, o cal dubidamos moito, os traballadores perderían todo o seu poder de negociación para demandar mellores salarios e condicións laborais. Agora mesmo, a folga está a impoñer perdas importantes Vitrasa nas datas do Nadal, cunha importante afluencia de turistas á cidade. Hai por outra banda unha unidade sindical entre CCOO, UXT, CIG e USO nesta folga, polo que as acusacións de instrumentalización política por parte do BNG son infundadas. Afirmou tamén que só o 29 % dos traballadores votaron esta folga, o cal é falso. Votaron 244 traballadores a favor dun persoal duns 360. O 87 % dos traballadores que votaron fixérono a favor da folga, só 24 votaron en contra.

Ademais, tamén afirmaba que o problema está no “requilibrio” financeiro que precisan polas perdas ocasionadas pola pandemia. Desta forma pretenden que se lles dea máis diñeiro público, cando están a recibir máis de 12 millóns de euros por ano, e nas súas contas teñen 30 millóns de euros limpos, que tampouco reinvisten en máis traballadores ou máis vehículos na frota de autobuses urbanos. De feito, máis ben ao contrario. En conversacións con Imanol Arnoso Montes, da CIG, Presidente do Comité de empresa cóntanos que en 2019 saían entre 120 e 122 autobuses por día e hoxe só son 102.

É de sinalar que o director xeral de Vitrasa afirmou que ningunha empresa de transporte urbano de España ten beneficios, e que por iso precisan de cada vez máis fondos públicos. Ao tempo, acusou os traballadores da perda de clientes debido ás folgas. Para nós é necesario desmentir este discurso falaz. O motivo da perda de viaxeiros son as continuas subas de prezos, a diminución das flotas e a peor calidade do servizo en xeral. Neste artigo, da web Vigo360 detállanse todos os recortes de liñas que se produciron desde o 2019.

Ademais, como expresaba Imanol Arnoso noutra recente entrevista para o Faro de Vigo, se este conflito non se resolve o Concello de Vigo debe rescatar a concesión e xestionar directamente o servizo. Nós engadimos que esta remunicipalización debe ser baixo control democrático dos traballadores. Non ten sentido que cada vez se destinen máis fondos públicos, cada vez haxa un peor servizo, os traballadores teñas salarios conxelados para enchen as arcas duns directivos que non teñen ningún interese en mellorar a situación.

Na rolda de prensa do 20 de Decembro o Comité de empresa volveu expresar o seu rexeitamento ás declaracións da empresa e do Concello de Vigo, onde Carlos López Font, portavoz do grupo socialista local, actuou de portavoz da patronal. Os traballadores declararon que a empresa carece dun Plan de Igualdade e que non lles facilita o soldo dos principais directivos, o cal denunciaron a inspección de traballo. Así como o incumprimento dos descansos en quendas de ata 10 horas.

Volveron recalcar que a empresa realizou unha oferta ridícula, supeditándoa a un futuro “reequilibrio”, e asumindo que seguramente será insuficiente. Unha oferta que os traballadores non pode aceptar. Despois de 25 días de folga, o custo económico para os traballadores é evidente, pero a determinación segue sendo firme.

O conflito dos traballadores de Vitrasa coa empresa xa se remonta a hai polo menos dous anos. Os paros parciais, manifestacións, concentracións e folgas indefinidas sucedéronse repetidamente. A poboación da cidade coñece a situación e en moitos casos acorda coas demandas dos traballadores. Pero a intransixencia da patronal, xunto coa complicidade do Concello de Vigo, e o seu principal representante Abel Caballero que despreza aos traballadores, fixeron imposible mellorar a situación de traballadores e usuarios.

Por iso, aínda que apoiamos firmemente a loita que están a dirixir os principais sindicatos neste sector, consideramos que é preciso ser máis imaxinativos e audaces para poder acadar vitorias. A unión con outros sectores obreiros e cos estudantes pode ser moi útil. Así como con outras empresas do grupo Avanza noutras cidades que estean nunha situación similar. Consideramos que os sindicatos deberían de impulsar esta vía para que o entusiasmo e as ganas de loitar dos traballadores de Vitrasa non decaian no futuro. E poidan vencer en todas as súas demandas, conquistando un servizo público e de calidade.