×
×
Red Internacional
lid bot

GALIZA ENTREVISTA. Vitor Mariño, sindicalista e traballador de PSA: “a unidade de loita é a maneira de contrarrestar a voracidade do capital”

Hai días realizábanse eleccións sindicais na factoría PSA-Peugeot Citroën de Vigo. A empresa, coñecida pola súa furiosa persecución ao movemento obreiro e ao sindicalismo de clase, non conseguiu evitar unha gran elección da Central Unitaria de Traballadores ( CUT). Esquerda Diario conversou con Vitor Mariño, delegado no comité de empresa pola CUT e referente sindical na fábrica.

Martes 30 de octubre de 2018

Foto: ID

En castellano

Vítor, a CUT vén de facer unha importante elección sindical, que expresa a actitude combativa mantida durante estes últimos anos fronte aos recortes e axustes da empresa. Cales foron os principais ataques que sufristes os traballadores por parte da patronal?

Os ataques foron constantes, sobre todo á clase traballadora e aos seus dereitos, en particular a aqueles colectivos máis vulnerables, como os traballadores eventuais de novo ingreso, que viron minguados os seus salarios substancialmente.

Aquilo de “a igual traballo, igual salario” é algo que non se dá nesta fábrica desde hai anos e a diferenza económica entre uns traballadores e outros, mesmo a nivel de condicións e contratos de traballo é tan dispar, que temos unha precariedade bastante máis elevada que a media do sector.

Cal foi a resposta que vides dando os traballadores a esta situación durante todo este tempo?

Para empezar, denunciando a imaxe que se ten en Vigo e a comarca de que PSA sempre foi unha fábrica que a nivel de condicións económicas e sociais foi sempre pioneira, cando isto non se corresponde coa realidade. Pelexamos por sacar esas problemáticas que había a nivel interno, que ninguén era capaz de exteriorizarlas, cara a fóra. Que a cidadanía coñecese a situación de precariedade dentro da fábrica, a situación das cargas de traballo, a nivel laboral, etc.

Pelexamos por sacar esas problemáticas que había a nivel interno, que ninguén era capaz de exteriorizarlas, cara a fóra. Que a cidadanía coñecese a situación de precariedade dentro da fábrica.

Para iso denunciamos constantemente, dentro e fóra da fábrica, a situación laboral que padecemos. En particular, a que se abriu despois de 2014, cando se produciron os principais recortes na historia da fábrica, que afectaron a todos os traballadores, en particular aos de novo ingreso. Para iso convocamos diversas folgas, incluso denunciando como cando había recortes para os traballadores, o presidente do grupo subíase o salario un 211 % e como PSA cada vez está a aumentar a súa marxe de beneficios e, pola contra, nós levamos máis de 5 anos co salario conxelado.

Empezamos a facer denuncias pola vía xudicial e sobretodo apostando pola loita na rúa, manifestándonos buscando a maior unidade sindical e tamén ligándonos a outros sectores, o movemento estudantil e a nivel social, que sempre estiveron ao noso lado.

Convocamos diferentes folgas, que tiveron unha importante repercusión e empezaron a poñer no punto de mira o que estaba a suceder en Citroën.

Estas foron unhas eleccións que se producen no medio dunha atmosfera de terror sindical dentro da fábrica, nas que a CUT presentádesvos cun marcado perfil de combate, o cal aumenta a importancia do voso resultado e é un síntoma do ambiente que se vive dentro da factoría, de hartazgo e vontade de resistencia. Que valoración facedes vós?

Positiva e ao mesmo tempo negativa. Positiva porque a CUT aumenta a súa representación e iso é resultado do traballo que vimos desenvolvendo todos estes anos e a xente percibe o sindicalismo que pelexa por defender as condicións de traballo e non se limita a notas internas e nada máis.

Ao mesmo tempo, é un resultado agridoce porque non conseguimos restarlle capacidade ao Sindicato Independente, coñecido por todos como “sindicato amarelo”, precisamente polas presións que exerceu a empresa aos traballadores durante estes últimos meses, precisamente a aqueles máis vulnerables, aqueles a tempo parcial e eventuais. Era unha situación de presión constante, de non renovación de contratos, de cambios de sistema con menos carga de traballo. Unha auténtica política do medo, que explica que consigna manter a maioría sindical, por parte do Sindicato Independente.

Iso non quita que a partir de agora, despois destas eleccións, as regras do xogo poidan cambiar. Dános moitísima máis capacidade de loita e resistencia, aumentar a representación vai facer que podamos chegar a moitos máis traballadores e realmente poder sacar a conflitividade laboral fóra da fábrica e pelexar por mellorar as condicións laborais e económicas.

Precisamente falabamos antes de que era vosa intención poñer estes resultados ao servizo de impulsar a loita. Crees que vos podedes converter nunha referencia de loita para o sector da automoción noutras partes do Estado español?, Cales son as vosas perspectivas?

A nosa perspectiva é traballar por unir loitas, desde logo. Citroën está a poñer as bases para precarizar completamente o sector e parece que o resto de construtores e auxiliares está a asumir ese rol. Hai que ir pola vía de abaratar salarios e destruír condicións laborais. Desta forma, outras fábricas están a facer exactamente o mesmo para competir connosco. Como contrarrestamos iso? Facendo o mesmo que fan eles, ampliando o marco de loita. PSA ten fábricas en Zaragoza, en Madrid, incluso os compañeiros de Portugal, queremos ter unidade de acción.

De feito, xa tivemos diferentes reunións para facer unha acción conxunta, mesmo xa barallando a posibilidade dunha convocatoria de folga a nivel non só do Estado español senón da península ibérica onde paremos todas as fábricas do grupo e poder dar a coñecer a verdadeira situación que vivimos os traballadores de PSA. A partir de aí, pelexar por ser capaces de abrilas ao resto de fabricantes.

Tivemos diferentes reunións para facer unha acción conxunta, mesmo xa barallando a posibilidade dunha convocatoria de folga a nivel non só do Estado español senón da península ibérica onde paremos todas as fábricas do grupo.

Hai pouco, por exemplo, Ford anunciaba recortes que van vir á fábrica de Valencia, moi importantes. Nese sentido, cremos que a unidade de loita é a maneira de contrarrestar a voracidade do capital. Temos que ampliar este marco e conseguir sumar aos maiores sectores en loita, da mesma forma que a patronal tamén está organizada e coordinada.

Moitas grazas, Vítor. Pola nosa banda, tedes as páxinas de Esquerda Diario permanentemente abertas e á vosa disposición para contribuír á vosa loita, contra a precariedade, os axustes e a unificación e extensión de conflitos.

* Entrevista realizada por Alberto Fernández, Jacobo García e Roi López.